Esta axuda está destinada a financiar os gastos de funcionamento e mantemento da entidade, sendo ademais unha achega estratéxica que resulta clave para garantir a estabilidade, crecemento deportivo e continuidade dun proxecto de referencia como é o COB para o deporte provincial
A Xunta de Goberno da Deputación desta semana vén de aprobar a concesión dunha axuda de 250.000 euros ao Club Ourense Baloncesto SAD para a tempada 2025-2026. Esta axuda por importe de 250.000 euros a favor COB está destinada a financiar os gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes á tempada 2025-2026.
Trátase da colaboración anual máis importante que a Deputación vén mantendo co club desde hai anos, unha achega estratéxica que resulta clave para garantir a estabilidade da entidade, o seu crecemento deportivo e a continuidade dun proxecto de referencia para o deporte ourensán.
O Goberno Provincial destaca que esta colaboración permite consolidar un proxecto deportivo sólido, sostible e con futuro, que non só representa á provincia en competicións de máximo nivel, senón que exerce un papel fundamental na promoción do deporte base, na dinamización social e na proxección exterior de Ourense.
O apoio da institución provincial contribúe a soster unha ampla estrutura deportiva, que na tempada 2025-2026 abrangue equipos en competicións nacionais, autonómicas e de base, así como unha sólida rede de vinculacións con clubs e centros educativos da cidade e da provincia, reforzando un modelo asentado no xogo limpo, na formación integral e na promoción do talento local.
Tal e como figura na memoria deportiva que xustifica esta axuda, o proxecto do COB ten tamén un marcado carácter social e formativo. Na actualidade, o club conta con catro escolas de baloncesto activas e unha estrutura de canteira que supera os 700 nenos e nenas en período de formación, ademais do desenvolvemento de campus, xornadas de tecnificación e actividades en centros educativos, nas que participan xogadores e corpo técnico do primeiro equipo.



