O Concello de Ourense comunicaralles aos comerciantes da Praza de Abastos que deben desaloxar o edificio da Alameda no prazo de 30 días. Así o acordou esta mañá a Xunta de Goberno Local. Fontes do goberno municipal explican que “se aprobou a resolución do expediente da Praza de Abastos, no que se decreta que os praceiros incumpriron o prazo que tiñan para presentar o proxecto de traslado dos seus postos ao edificio rehabilitado e que non teñen dereito a estar na Alameda por caducidade”. O Concello comunicaralles que teñen un prazo de 30 días para desaloxar a Alameda. O prazo comezará a contar cando reciban a comunicación deste acordo.
Na sesión ordinaria desta semana, que se levou a cabo no salón de plenos, tamén se aprobou o expediente para contratar as obras do proxecto de restauración da pasarela de Outariz. A actuación ten un orzamento de licitación de 1.646.952,04 euros, IVE engadido, e adxudicarase por procedemento aberto. O expediente para adxudicar a concesión demanial para a explotación das instalacións destinadas a cafetería do Parque da Alameda levarase a unha próxima sesión da xunta de goberno.
A sesión, ordinaria desta semana, incluíu tamén estes acordos:
Licenzas (7). Concedeu as licenzas para a construción dunha vivenda unifamiliar no Lugar do Lagar, Vilar de Astrés, para o acondicionamento de baixos para cambio de uso a vivenda nun edificio na rúa Río Navea; e unha prórroga para o inicio das obras de instalación de ascensor nun edificio na rúa Río Salas. Denegou a licenza para a reforma de cuberta, fachadas e instalación de ascensor nun edificio na avenida de Bos Aires e o título habilitante de natureza urbanística para o proxecto básico e de execución de edificio para apartamentos turísticos.
Tamén aprobou darse por decatada do cambio de titular dunha licenza de obra e incoar expediente de caducidade da dita licenza e aceptar a renuncia da licenza de construción para a execución dun muro de contención nunhas parcelas de Barrocás.
Aperturas (2). Concedeu a licenza de obra para a reforma dun local para restaurante na rúa Alejandro Outeiriño e denegou un título habilitante de natureza urbanística para licenza de gasolineira, taller mecánico e lavado de vehículos na rúa Seixalbo.
Patrimonio (4). Resolveu catro reclamacións de responsabilidade patrimonial (tres desestimacións e unha desistencia).
Contratación (1). Acordou a prórroga por un ano do contrato do servizo de mantemento do software de bases de datos Oracle do Concello
Artes e festexos (1). Acordou rectificar un acordo dunha xunta de goberno anterior.
Asuntos sociais (2). Aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación de persoas con discapacidade ADO, para o proxecto “Fomento e desenvolvemento da autonomía e da formación integral para persoas con discapacidade intelectual”, por importe de 30.000 euros. Tamén acordou validar o gasto para a concesión de subvencións para libros de texto e material escolar.
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobou unha relación de facturas correspondentes a gastos realizados no exercicio 2024 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio.
Avogacía consistorial (18). Deu conta de dúas sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; dunha sentenza e un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1, dun auto do número 2, dun decreto do Xulgado do Social número 1 e dunha providencia do Xulgado do Penal número 2. Ademais, o Concello deberá comparecer en 10 procedementos xudiciais, diante dos xulgados do Contencioso- Administrativo número 1 e 2 de Ourense, do número 1 de Vigo e do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense.



