A Xunta de Goberno Local adxudica a reparación da locomotora da rúa Xesús Pousa

adminON
Lectura mínima de 4

Aprobou 23 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 23 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu ao mediodía de hoxe no salón de plenos. Entre eles, adxudicou o contrato do servizo de reparación da locomotora de vapor, orixinal do ano 1927, que está exposta de forma permanente na rúa Xesús Pousa, no barrio da Ponte; concedeu 6 licenzas para executar diferentes proxectos de obras na cidade e 4 subvencións a actuacións de rehabilitación levadas a cabo no centro histórico. Tamén aprobou inicialmente o Instrumento de Ordenación Provisional para o antigo sector de solo urbanizable “O Fonsillón – A Farixa”.

Licenzas (6). Conceder 6 licenzas de obras, para executar os proxectos de rehabilitación de edificacións tradicionais para vivenda unifamiliar en Velle; para o modificado do proxecto de construción dunha unifamiliar na rúa do Campo, As Eiroás; para a substitución do ascensor dun edificio na Avenida da Habana; para o remate das obras de construción dun almacén na rúa da Fonte, O Peliquín; para a reforma da cuberta e o remate dunha edificación en Hortos, Vilar de Astrés; e para a reforma e ampliación dunha unifamiliar nas Barxas, Cudeiro.

Disciplina (1). Declarar de oficio en situación de ruína 4 inmobles na rúa Cuña de Abaixo, acordar a súa demolición, a cargo da propiedade, e inscribir os predios do Rexistro de Soares.

Xestión urbanística (1). Aprobar inicialmente o Instrumento de Ordenación Provisional para o antigo sector de solo urbanizable número 20 “O Fonsillón – A Farixa” do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2003, ámbito número 9 do Decreto da Xunta de Galicia nº 187/2011 de 29 de setembro que aprobou a ordenación urbanística provisional en Ourense ata a entrada en vigor do novo planeamento. O Concello someterá o expediente a información pública por un prazo mínimo de 20 días e solicitará os informes sectoriais e as consultas que sexan precisas de conformidade coa normativa vixente.

Patrimonio (7). Estimar 7 reclamacións de responsabilidade patrimonial: 4 de forma total e 3 de forma parcial.

Servizo de Rehabilitación (4). Outorgar definitivamente 4 subvencións a actuacións de rehabilitación executadas na Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) do Centro Histórico, no marco do Programa de Fomento de Rexeneración e Renovación Urbana e Rural (Plan Estatal de Fomento da Renovación Urbana e Rural, Subvencións de ARRUs).

Infraestruturas (2). Rectificar dous acordos de xuntas de goberno anteriores.

Fóra da orde do día (2). Adxudicar a Reparaciones Sinde o contrato do servizo de reparación da locomotora de vapor 240-2072, tipo Mastodonte, exposta de forma permanente na rúa Xesús Pousa, no barrio da Ponte; e validar o decreto de aprobación das indemnizacións por asistencias do mes de xullo de 2025 a órganos colexiados de cargos electos do Concello.

Retirouse da orde do día da sesión, para mellor estudo, a dación de conta dunha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

Comparte este artigo