A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía acordar a tramitación pola vía de emerxencia, recollida no artigo 120 da Lei 9/2017 de contratos do sector público, da realización das obras necesarias para garantir a seguridade e salubridade das persoas na Avenida de Portugal, debido á situación excepcional provocada polo abandono unilateral por parte da empresa adxudicataria da execución dos proxectos de humanización.
Na súa sesión ordinaria desta semana, a Xunta de Goberno Local tamén adoptou outros 19 acordos.
Licenzas (5). Concedeu as licenzas para a reforma de portal e a substitución do ascensor dun edificio da rúa Río Mao, para a adaptación a vivenda dun baixo na rúa Ribeira de Canedo, para o proxecto modificado de instalación de ascensor nun edificio da rúa Cabeza de Manzaneda, e a primeira ocupación por legalización de usos de vivenda nun edificio da rúa Antonio Puga. Tamén autorizou a segregación dunha parcela situada na rúa Alejandro Pedrosa.
Aperturas (1). Concedeu a licenza de obras para o proxecto de rehabilitación dun edificio na rúa dos Arcediagos para o uso como apartamentos turísticos.
Patrimonio (3). Resolveu 3 reclamacións de responsabilidade patrimonial (estima unha, inadmite outra e considera desistido a un particular da terceira).
Contratación (1). Aprobou o expediente para contratar o servizo de limpeza dos centros educativos públicos de educación infantil e primaria (CEIPs) do Concello de Ourense, por procedemento aberto, para 2 anos.
Asuntos sociais (1). Deu o visto e prace á actualización do módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.
Educación (1). Aprobou as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para financiar actividades e proxectos pedagóxicos do curso 2025-2026.
Avogacía Consistorial (7). Deu conta de 6 sentenzas ditadas por diferentes xulgados de Ourense e da próxima comparecencia do Concello diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun procedemento ordinario.

