A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 36 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar este mediodía no salón de plenos.
Licenzas (7) Conceder 3 licenzas de obra: para actuacións de reparación e restauración da balaustrada de peche do patín sur da Catedral de San Martiño de Ourense; para a construción dun edificio de vivendas na Avenida de Zamora e para a instalación dun ascensor nun edificio de vivendas na rúa Barrocás. Tamén se acordou autorizar unha prórroga para o inicio das obras de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na estrada de Santa Mariña e denegar unha licenza de obra e unha solicitude de título habilitante para o cambio a uso residencial dunha oficina, así como rectificar un acordo na acta da Xunta de Goberno do 16 de xaneiro do 2025.
Aperturas (1) Denegar unha solicitude de cambio de titularidade da licenza de obra e actividade para o proxecto básico e de execución de residencia para persoas maiores entre as rúas Vicente Risco e Ramón y Cajal
Patrimonio (9). A Xunta Local deu conta de 5 reclamacións de responsabilidade patrimonial, de 2 expedientes de recuperación de oficio de danos causados por vehículos na rúa Salvador Dalí e rúa da Ola, e 2 recoñecementos de obrigas derivados do cumprimento de sentenzas.
Contratación (3). Acordar a prórroga forzosa do contrato de axuda no fogar do Concello de Ourense, por un período adicional de 2 meses (do 1 de marzo ao 30 de abril de 2025, inclusive). Tamén se aprobou o expediente para contratar o mantemento dos aplicativos que dan soporte a tesourería, intervención, xestión tributaria e recadación, xestión económica e estatística do Concello, e autorizouse a devolución da fianza depositada na tesouraría municipal por unha empresa en concepto de garantía provisional para participar na licitación do servizo de transporte urbano público colectivo urbano.
Educación (1). Aprobar as bases e a convocatoria pública de subvencións para financiar actividades e proxectos pedagóxicos de Federacións e Asociacións de Nais e Pais existentes no Concello de Ourense
Persoal e recursos humanos (2). Aprobar dúas modificacións do regulamento da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, para incluír os pluses de nocturnidade e festividade do Corpo da Policía Local e do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento dentro do complemento específico dos postos de traballo. Os expedientes someteranse a información pública durante 20 días.
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobar unha relación de facturas do ano 2024 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no dito exercicio. Recoñecemento Extraxudicial de Créditos XGL 02/2025.
Avogacía Consistorial (12) Dar conta dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, outra do Xulgado do Penal número 1, 1 sentenza do Contencioso Administrativo número 1 e 2 sentenzas e 1 auto do Contencioso número 2. O Concello comparecerá en 6 procedementos diante dos xulgados do Contencioso Administrativo número 2 e de Instrución número 1

