A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, día 5 de febreiro, ás 13.30 horas no salón de plenos para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana, con 20 asuntos na orde do día.
- Licenzas (6). Resolverá 3 solicitudes de licenza: para os proxectos de rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa Castelo Ramiro, para a reforma interior e adaptación dun baixo a vivenda na rúa Pardo Bazán, e para a demolición dun edificio na rúa Goya. Tamén abordará 3 solicitudes de declaración de innecesariedade de licenza urbanística para a segregación de parcelas na rúa Castro Caldelas, dun local no entrechán dun edificio na rúa Pena Corneira, e de dous locais na rúa Vistafermosa.
- Aperturas (1). Darase por enterada do cambio da dirección da execución material da obra dunha residencia para persoas maiores entre as rúas Vicente Risco e Ramón y Cajal.
- Patrimonio (1). Resolverá un recurso de reposición contra un acordo anterior da Xunta de Goberno Local.
- Infraestruturas (1). Declaración de emerxencia respecto das obras de reparación do afundimento na rúa Pena Trevinca.
- Extinción de incendios (1). Aprobación dunha conta xustificativa de gastos.
- Avogacía Consistorial (10). Dará conta de 2 sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, doutra do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 e dun decreto do Social número 4. Ademais, será informada de que o Concello deberá comparecer ante o Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense en 4 procedementos abreviados, e ante o número 1 nun procedemento abreviado e noutro ordinario.



