— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Prado
— Na xuntanza abordáronse diferentes medidas para potenciar o solo empresarial e atraer novas iniciativas cara á localidade
— Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.
Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.
Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.
O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a dinamización económica.