A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na presentación do Programa de emprendemento innovador no territorio de Valdeorras, que se levará a cabo no Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco. Alí, puxo de relevo a importancia de promover proxectos disruptivos, que transformen e melloren as expectativas das persoas. No marco dese obxectivo, sinalou que este novo formato busca aproveitar o talento dos emprendedores desta comarca ourensá para xestar, de maneira colectiva, iniciativas novidosas que ofrezan solucións e alternativas á industria tradicional.
Cunha duración de seis meses (deica xuño de 2025), o plan piloto constará así dunha primeira fase de mapeo e análise para sondar as necesidades do territorio e identificar onde están as oportunidades para innovar, facendo fincapé en sectores estratéxicos como a gandaría e agricultura, forestal, enerxía, industria e infraestruturas. Nun segundo momento especificaranse retos a partir da realidade económica e social da contorna, para posteriormente buscar e selecionar as persoas emprendedoras que participarán no programa. Na seguinte fase, tocará deseñar e desenvolver no Polo do Barco os proxectos que darán resposta aos retos fixados e, finalmente, presentaranse estas iniciativas para poñelas en valor de cara a dinamizar a economía valdeorresa.