HomeLugoA Xunta inicia a vindeira semana tarefas de roza e limpeza en...

A Xunta inicia a vindeira semana tarefas de roza e limpeza en varias estradas autonómicas da provincia de Ourense e de Lugo

- Anuncio -spot_img

Comezarán os traballos na OU-114 en Caldeliñas e Campo Becerros; e na OU-636 entre A Pobra de Trives e Freixido; ao tempo que continuarán as tarefas na OU-112 en Laza e Cerdedelo
Na provincia de Lugo iniciaranse os traballos de roza nas marxes da LU-530 en Lugo e Castroverde, completando as tarefas realizadas na vía hai algunhas semanas
A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en dúas estradas de titularidade autonómica da provincia de Ourense e nunha da provincia de Lugo, continuando con esas tarefas en distintas vías nas que xa viña traballando en días pasados.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán estas tarefas nas estradas da provincia de Ourense: OU-114 en Caldeliñas e Campo Becerros; e na OU-636, que une A Pobra de Trives e Freixido. De xeito paralelo continuarán os labores na OU-112 en Laza e Cerdedelo.

Na provincia de Lugo, iniciaranse os traballos de roza nas marxes da estrada LU-530 en Lugo e Castroverde, completando as tarefas realizadas nesta vía hai algunhas semanas.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Publicacións Relacionadas