A xunta de goberno local deu conta de 18 asuntos achegados por diferentes servizos e áreas municipais.
Avogacía Consistorial (3). Deuse conta das sentenzas do TSXG que avala a xestión da Concellería de Urbanismo ao denegarlle a licenza de primeira ocupación ao edificio emprazado entre as rúas Cardenal Quevedo e Xaquín Lorenzo ‘Xocas’, e da sentenza do contencioso Administrativo que desestima o recurso interposto polo sindicato CSIF contra o decreto que aproba as bases para provisión do posto de director xeral de Recursos Humanos. Ademais, tívose coñecemento dunha terceira sentenza que desestima o recurso dun particular contra a resolución do Tribunal Económico Administrativo relativo ao Imposto sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana.
Licenzas (6). Concedéronse licenzas para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Eirasvedras; para a modificación da cuberta dun edificio en Santa Teresita; e para a instalación de ascensores en tres edificios da cidade emprazados nas rúas Rodríguez de la Passera, San Mamede e Arcedianos.
Na mesma sesión, desestimouse un recurso de reposición dun particular contra a denegación de licenza de obra para o proxecto de ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa dos Penouzos.
Aperturas (1). Autorizouse o precinto dun café bar na estrada de Vigo 117/119 toda vez que se está a exercer unha actividade prohibida e non se lle deu cumprimento ao requirimento de peche realizado en xunta de goberno (agosto de 2014).
Xestión Urbanística (1). Comunicación de resolucións do Xurado de Expropiación de Galicia en relación coa expropiación pola execución do proxecto integrador da estación intermodal de Ourense (fases 1 a 5). Acéptase o prezo xusto fixado nas mesmas e requiríselle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o ingreso de 232.993,41 euros correspondentes ás diferencias do prezo. Así mesmo, comunícaselle este acordo a ADIF Alta Velocidade para que manifeste a forma de pago da súa conveniencia aos efectos previstos.
Patrimonio (4). Deuse conta de dous cumprimentos de sentenzas, unha que obriga a aboar 350,70 euros e outra, 636,38 euros. Ademais, considérase desistido un particular dunha reclamación de danos no seu vehículo -por unha focha na rúa Antonio Faílde- ao non concorrer na súa solicitude todos os requisitos legais esixibles, e solicítanse 487,10 euros en concepto de danos causados nunha árbore na rúa Río Xares por unha particular.
VPP e Peris (1). Recoñéceselle o pagamento de 7.850,97 euros á comunidade de propietarios praza Maior de Seixalbo 1 para a rehabilitación de elementos comúns nun edificio dentro da 11ª fase da ARRU Seixalbo.
Recursos Humanos (2). Por unha banda, acórdase o abono de 808,84 euros en concepto de intereses relativos ao pagamento dunha sentenza en favor dun traballador municipal.
Pola outra, declárase nulo o convenio de colaboración entre os concellos de Ourense e do Carballiño (de agosto de 2019) para o reforzo da Policía Local durante a festa do Polbo.



