HomeOurenseOurenseA Xunta salienta o papel dos 70 obradoiros artesanais da provincia de...

A Xunta salienta o papel dos 70 obradoiros artesanais da provincia de Ourense como exemplos de emprendemento e dinamización territorial

- Anuncio -spot_img
  • José González puxo en valor o traballo da artesá Inés Rodríguez ao fronte do taller RIR&Co, adherido a Artesanía de Galicia, e destacou a súa aposta pola incorporación de materiais innovadores á tradición da teceduría de baixo lizo
  • Enxalzou pezas xa icónicas deste obradoiro como D-Leite, unha manta elaborada con fibra de proteína láctea, ou a lámpada Ardora, realizada en liño e fibra óptica
  • Reafirmou que proxectos como RIR&Co demostran a capacidade do tecido comercial e artesanal como foco de atracción de visitantes e motor de revitalización rural, como se promove desde o novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
  • Obradoiros coma este, defendeu, son exemplo claro de emprendemento ligado ao territorio, un esforzo prioritario para a Xunta que se canaliza a través da Rede de polos, que nas catro oficinas de Ourense xa atendeu máis de 700 proxectos

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, da xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e doutros representantes municipais do concello de Allariz, visitou esta mañá, no marco das actividades da Semana do Goberno Aberto 2025, o obradoiro de artesanía téxtil RIR&Co, impulsado pola artesá Inés Rodríguez.

José González destacou que este obradoiro, adherido a Artesanía de Galicia e un dos arredor de 70 en funcionamento na provincia de Ourense, desenvolve un papel fundamental na promoción da artesanía galega e na posta en valor do emprendemento desde o rural. Así mesmo, salientou a súa aposta pola incorporación de materiais altamente innovadores á tradición da teceduría de baixo lizo, dando lugar a pezas xa icónicas como D-Leite, unha manta elaborada con fibra de proteína láctea —gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia na categoría artesanal convocado pola Axencia Galega de Innovación—, o tecido Vagalume, mestura de liño raión con fibra óptica de cristal, ou a lámpada Ardora, que está realizada en liño e fibra óptica.

Visitas coma esta, sinalou o conselleiro, permiten coñecer non só un proxecto artesán exemplar, senón tamén poñer de manifesto o papel que xoga a artesanía como motor de desenvolvemento económico no territorio, amosando o potencial transformador dos oficios tradicionais cando se combinan coa innovación e a creatividade, e que Galicia, desde o rural, é un lugar fértil para o emprendemento, con identidade local e proxección internacional.

Ademais, reafirmou que os obradoiros artesanais demostran a capacidade do tecido comercial e artesanal como foco de atracción para atraer visitantes e revitalizar as vilas, na liña de diferentes actuacións recollidas no novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320M€.

Emprendemento ligado ao territorio

O conselleiro de Emprego salientou que a artesanía é un sector absolutamente prioritario, xa non só desde o punto de vista patrimonial e cultural, senón tamén como fonte de emprego e de emprendemento, clave para fixar poboación e dinamizar o territorio, poñendo en valor o traballo crucial que promove a Fundación Artesanía de Galicia e a marca Artesanía de Galicia como selo de identidade e garantía de calidade.

Obradoiros coma este, defendeu, son exemplo claro de emprendemento ligado ao territorio, unha das liñas que en Galicia se canaliza a través do labor da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, un instrumento que ten por obxectivo acompañar, asesorar e dar impulso a proxectos innovadores como o de Inés Rodríguez, conectados coa súa contorna. Nas 15 oficinas de todas Galicia, lévanse asesorado preto de 4.000 proxectos, máis de 700 en Ourense a través das catro activas nesta provincia: O Barco, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín.

Este asesoramento gratuíto complétase con axuda económicas, como a aberta actualmente para novos emprendedores, dotada cun orzamento global de 6,7M€ e con apoios que poden chegar ata os 35.000 euros por proxecto.

Así, o conselleiro puxo en valor o sólido ecosistema galego de apoio ao emprendemento, con ferramentas, recursos gratuítos e programas económicos específicos que poñen o foco na competitividade, na remuda e na creación de valor desde a identidade propia.

Publicacións Relacionadas