O Concello de Ourense renovará a área de xogos infantís do parque José Cornide cun investimento de 46.835,47 euros. Os traballos, que comezarán o vindeiro luns, 23 de marzo, teñen como finalidade modernizar este espazo e mellorar a seguridade e a calidade de uso por parte da cativada. Instalaranse novos elementos de xogo, entre os que salientan unha randeeira mixta con asento tipo niño, xogos de peirao e balancíns, e colocarase un novo pavimento continuo de caucho de seguridade. Tamén se incorporarán elementos de delimitación e sinalización.
O concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, Francisco Lorenzo, explica que “esta intervención responde ao compromiso do goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e, especialmente, daquelas zonas destinadas ao lecer infantil, fundamentais para a convivencia e o benestar das familias. Seguimos traballando para que Ourense dispoña de áreas infantís máis seguras, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais, fomentando espazos de encontro de calidade nos barrios”.
Durante a execución dos traballos, que teñen un prazo estimado de 30 días, estableceranse as correspondentes medidas de seguridade e delimitación da zona. O Concello agradece a colaboración veciñal e solicita á cidadanía que respecte a sinalización provisional



