A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro de 2024, no que se adoptaron os seguintes acordos:
Renuncias
O pleno deu conta das renuncias de Armando Ojea Bouzo (Democracia Ourensana) e Ignacio Gómez Pérez (PSOE) ao cargo de deputado provincial.
Entrada da Deputación no Padroado da Fundación Galicia Europa
O pleno acordou solicitar a entrada da Deputación de Ourense no Padroado da Fundación Galicia Europa, designando como representante ao seu presidente ou deputado/a provincial en quen delegue. Tamén aprobou manifestar a conformidade da institución provincial cos compromisos e obrigas recollidas nos estatutos desta Fundación, que lidera a Xunta de Galicia e que ten entre os seus obxectivos defender os intereses da comunidade galega ante a Unión Europea
Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2027
Aprobouse inicialmente o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e do Inorde para o período 2024-2027.
A vixente ordenanza xeral de subvencións da Deputación establece (título III; artigos 12-14) a obriga de elaborar e aprobar un plan estratéxico de subvencións, como instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, co contido mínimo e réxime de tramitación, aprobación, seguimento e avaliación alí recollido. Así, a aprobación dun plan estratéxico resulta imprescindible para posibilitar a concesión de subvencións nos vindeiros exercicios.
As liñas de subvención que contempla o Plan Estratéxico son as seguintes:
Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal
Fomento da Cultura
Fomento do Deporte
Reto demográfico
Fomento do Benestar Social
Fomento do desenvolvemento económico da provincia
Fomento do asociacionismo veciñal
Delegación de competencias do Concello de Muíños
Aceptouse a delegación de competencias solicitada polo Concello de Muíños a favor da Deputación Provincial en materia de recadación executiva do canon ou prezo a satisfacer polos contratistas, así como calquera outro tipo de gasto ou consumo que lle corresponda asumir en virtude dos contratos formalizados co concello.
Cesión parcelas á asociación GDR Limia-Arnoia
O pleno aprobou a cesión ao GDR Limia-Arnoia do uso de sete parcelas que a Deputación de Ourense posúe na Lagoa de Antela, cunha superficie de 49,4 hectáreas, para a execución do proxecto Aterra (Fondo de Terras). A duración desta cesión será ata a finalización do proxecto e, en todo caso, aos 25 anos da formalización da aceptación da cesión de uso.
Cesión de espazos á Fundación Ramón González Ferreiro en Allariz
Aprobouse a cesión de uso, por 25 anos, dun conxunto de 26 parcelas da Deputación situadas na contorna da explotación da Granxa de Valverde, en Allariz, a favor da Fundación Ramón González Ferreiro, coa finalidade de poñer en marcha un centro de produción, transformación e innovación agrogandeira.
Ratificación do II Plan de Igualdade
Ratificouse a aprobación do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres da Deputación de Ourense. Este documento foi aprobado polo pleno o pasado 31 de marzo e contempla ata 35 accións distribuídas en dez áreas de traballo para o seu desenvolvemento no próximos tres anos, tendo en conta tres principios fundamentais: a perspectiva de xénero, a transversalidade e a atención á diversidade. A través deste Plan, a Deputación asume a igualdade como un principio esencial da súa organización, como eixo vertebral dunha institución comprometida que actúa desde a corresponsabilidade e aposta firmemente polo benestar do seu persoal.
Ordenanza para a recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais
Aprobouse definitivamente a ordenanza reguladora do Servizo supramunicipal de recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais. Trátase dun sistema de prevención medioambiental e de recollida de residuos nas zonas industriais de Ourense, especialmente no polígono de San Cibrao das Viñas, a zona comercial Barreiros, o parque empresarial de Pereiro de Aguiar e a zona industrial de Seixalbo. O servizo comprende a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso e especial -situado no Polígono de San Cibrao-, producidos dentro do ámbito territorial desta ordenanza, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas dos produtores destes residuos.
Ordenanza reguladora da prestación patrimonial polo servizo de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos
Tamén aprobouse de modo definitivo a ordenanza reguladora da prestación patrimonial non tributaria polo servizo supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais. O documento recolle os importes segundo o tipo de materiais a tratar e o custo por tonelada. Esta medida permitirá ofrecer este servizo a moitas empresas pequenas a un custe inferior ao que teñen que pagar a unha empresa xestora de residuos.
MOCIÓNS
Defensa da sanidade pública galega e especialmente en Ourense
1.- O pleno da Deputación reclama o Ministerio de Sanidade que faga efectivas as medidas incluídas no “Manifesto de conselleiros de sanidade”, en materia de atención primaria, apoiado pola maioría dos gobernos autónomos e pola maioría do Congreso dos Deputados, que inclúe reformas que permitirían incrementar en 1.000 as prazas formativas anuais de medicina de familia en toda España nos vindeiros anos para afrontar o relevo xeracional na atención primaria.
2.- Instar ao Ministerio de Sanidade a que flexibilice o sistema de acreditación dos centros de saúde para poder crear mais prazas de formación, tal como lle solicitaron sete gobernos autonómicos, xa que coa rixidez da regulación actual, esta impedindo o 70% dos centros de saúde galegos a formación de médicos de atención primaria.
3.- Instar a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o cumprimento do mandato parlamentario que lle aprema a adoptar estas medidas, trala aprobación dunha resolución no Congreso dos Deputados nese sentido.
4.- Instar o Goberno de España a modificar o sistema de elección de prazas M.I.R. para que as persoas aspirantes coñezan en tempo real as prazas dispoñibles.
Para una sanidade pública digna, suficiente e de calidade para a veciñanza da provincia
1.- O pleno da Deputación reclama o Ministerio de Sanidade que faga efectivas as medidas incluídas no “Manifesto de conselleiros de sanidade”, en materia de atención primaria, apoiado pola maioría dos gobernos autónomos e pola maioría do Congreso dos Deputados, que inclúe reformas que permitirían incrementar en 1.000 as prazas formativas anuais de medicina de familia en toda España nos vindeiros anos para afrontar o relevo xeracional na atención primaria.
2.- Instar a Xunta de Galicia a cobertura das prazas de pediatría vacantes, a través das convocatorias necesarias, tal como xa o ven facendo, para que segundo haxa pediatras dispoñibles no mercado laboral, poida contratalos.
3.- Instar ao Goberno de España a que asuma o compromiso pendente de creación dun rexistro estatal de profesionais sanitarios para prever os déficits de profesionais no futuro.
4.- O Pleno da Deputación acorda dar traslado destas medidas a Consellería de Sanidade, dependente da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Sanidade, dependente do Goberno de España.
Para paliar os incumprimentos do goberno central coa provincia en materia de estradas
- Instar ao Goberno central a reactivar as obras, que levan paralizadas 18 meses, do tramo da A-56 (Eirasvedras-Quintela) da variante norte de Ourense.
- Instar ao Goberno central a finalizar a redacción do proxecto de construción da variante de Ourense. Tramo: enlace de Quintela coa N- 120 (P.K. 572,00)-enlace de A Casilla coa N-525 (P.K. 241,20), e a licitar as obras no ano 2024.
- Instar ao Goberno central a rematar no ano 2024 a redacción dos proxectos de construción dos tramos da autovía A-56: Ourense (A Casilla)-Cambeo e Cambeo-Sanmartiño.
- Instar ao Goberno central a licitar no primeiro semestre do 2024 as obras de construción do tramo da autovía A -76 (Ourense-Ponferrada) entre Villamartin da Abadía e Requejo, e a rematar neste mesmo ano a redacción do proxecto do tramo entre A Veiga de Cascallá e o Barco de Valdeorras.
- Instar ao Goberno central a recuperar o enorme retraso de máis de 15 meses na execución das obras de conexión entre as estradas N-120 e N-536. Tramo: Sobradelo-O Barco de Valdeorras.
- Instar ao Goberno a licitar no primeiro semestre de 2024 as obras de “Mellora de seguridade viaria na N-120, implantación de carrís entre os PP.KK 548+800 e 546+000, dende Os Peares/alto da Guítara ata Ourense.
- Instar ao Goberno a poñer en marcha de modo inmediato un plan integral de conservación e mantemento da N-120 na provincia de Ourense, coa habilitación de partidas orzamentarias plurianuais para así solucionar a problemática nos firmes, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, pendentes e obras de paso.
- Instar ao Goberno a licitar no ano 2024 as obras do proxecto de construción do enlace completo da N-120 en A Rúa entre os PP:KK 465+750 e 466+360, que leva 9 anos pendente.
- Instar ao Goberno a licitar en 2024 as obras de mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela, construción dun enlace e reordenación de accesos na estrada N-525 (PPKK 244+368), no municipio de Coles.
- Instar ao Goberno a incrementar as partidas orzamentarias destinadas á conservación integral da autovía das Rías Baixas, A-52, para eliminar as notables deficiencias que presenta o firme en moitos dos seus quilómetros.
- Instar ao Goberno de España a intervir coa maior urxencia na mellora integral da N-541, e ordenar un estudo sobre a viabilidade dunha autovía entre Pontevedra e O Carballiño, e dunha vía de alta capacidade entre ambas localidades para conectar con garantías ambas provincias.
Engádense os seguintes puntos:
- Instar á Xunta de Galicia e manter en condicións a ponte da OU-536, en Xunqueira de Espadañedo, recentemente asfaltado e reparado de forma ineficaz pois quedou peor do que estaba anteriormente, sendo un perigo para a circulación rodada.
- Instar á Xunta de Galicia a rematar a obra da rúa Marcelo Macías en Ourense (a altura do Nº 51) e retirar as chapas e conos que levan meses no medio da calzada, interrumpindo o tráfico rodado e molestado aos veciños co seu ruído nocturno.
- Instar á Xunta de Galicia a reparar a avenida de Zamora de Ourense, e moi en especial a zona do cruce coa avenida da Universidade e accesos ao barrio da Cuña, co piso destrozado dende hai anos, feitos polos que os veciños levan anos queixándose.
- Instar a Xunta de Galicia a reparar a Rúa do Progreso en Ourense, e en especial na zona da Alameda e Praza de Abastos co piso destrozado dende hai anos.
- Instar a Xunta de Galicia a tomar medidas na rúa Emilia Pardo Bazán, antes da rotonda coa avenida de Bos Aires, para que os vehículos freen antes de chegar á mesma, creándose moitas veces situacións de alto risco e perigo.
- Instar a Xunta de Galicia a reparar a OU-105 na zona de Seixalbo, unha estrada de recente modificación que está chea de baches sendo un risco para a circulación.
- Instar a Xunta de Galicia a reparar a OU-536 na súa entrada a Ourense, entre Castadón e As Lagoas en sentido a Ourense, onde o carril dereito está nunha situación moi complicada sobre todo para motoristas e ciclistas.
- Instar a Xunta de Galicia a reparar a rúa do Seminario en Ourense, que leva moitos anos co pavimento en moi mal estado e perigoso.

