O programa Aldearmos achegarase o próximo DOMINGO, 12 DE MARZO ata o SAUMEDE, no concello da comarca de Celanova da Bola.
Saumede é unha aldea abandonada dende o século XVII, onde un colectivo de persoas de diferentes nacionalidades, dedicouse durante a última década a recuperar os seus espazos por medio da arte.
ALDEARMOS comezará, como xa é habitual, por presentar a Rede Aldear e tamén unha explicación de como acceder a financiamento para a cultura, para dar paso a cotinuación á investigadora e antropóloga do Campus, Jackeline Fernández Macías, que disertará sobre o Entroido.
Tamén, por parte do Campus de Ourense, levarase a cabo un obradoiro de introdución á danza por parte de Nuria Sotelo, profesora da Aula de Danza Contemporánea do Campus.
O programa completarase con varias propostas musicas como Dj Tristón ou o Trío Motobomba e finalizará ás 19:30 cun espectáculo cultural moi especial.
Arqueoloxía, observación das estrelas e música medieval virán da man de Alendalúa.