A xuntanza, que conta coa colaboración da Deputación, abarca unha programación na que se inclúe a presenza de artesáns referentes, obradoiros para que os asistentes poidan “tocar o barro” e os concertos das Canteiras de Niñodaguia e Emilio Rúa
O Museo Obradoiro de Olería de Niñodaguia acollerá este encontro entre o venres e o domingo con horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas
O Museo Obradoiro de Olería de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, acolle do vernes 12 ao domingo 14 de agosto a oitava edición do Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia, un evento gratuíto aberto a veciños e visitantes e coorganizado por este museo municipal e a Asociación Amigos do Barro de Niñodaguia, coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial na presentación do Encontro de Cacharreiros, acompañado polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, e os organizadores Mónica Blanco, guía cultural do museo de Niñodaguia e Agustín Vázquez, presidente da Asociación Amigos do Barro de Niñodaguia.
Na súa intervención, César Fernández destacou o deseño dun evento que “une a un oficio tradicional da nosa cultura con obradoiros, exposicións e a música”, en referencia a actividades como os concertos programados para a noite do sábado 13 no museo: as Cantareiras de Niñodaguia (21,30 horas) e Emilio Rúa (22,00 horas)
O alcalde de Xunqueira de Espadanedo resaltou a traxectoria dunha xuntanza que “naceu como unha aventura” e destacou a “enorme axuda da Deputación e a Xunta, con apoios como o da presidenta de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro”. Carlos Gómez avanzou na rolda de prensa que “seguiremos renovando e impulsando este encontro para reivindicar a cultura do barro”.
Pola súa banda, Mónica Blanco convidou a todos, “dende nenos a os maiores” a participar neste Encontro de Cacharreiros, “deseñado para poñer en valor esta cultura e co que resaltamos que este oficio ten pasado, presente e, sobre todo, ten futuro”. E o cacharreiro Agustín Vázquez remarcou a importante presenza de artesáns nesta xuntanza, “pensada para que todos os que queiran podan tocar o barro e que nos lembran que o que temos en Niñodaguia é un referente”.
Participantes no Encontro de Cacharreiros
O VIII Encontro de Cacharreiros celebrarase no Museo Obradoiro de Olería de Niñodaguia este fin de semana, con horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas. E nel participarán os cacharreiros Carlos Lima -de Tendela, Portugal-, Carlos San Claudio -de Bembrive-, Antón Román -de Gondomar-, Susana González -A Coruña-, María Méndez -Pontevedra-, e Enrique Cabana e Agustín Vázquez, de Niñodaguia. Ademais, na xuntanza tamén estará o Carliños Cesteiro -de Santa María de Oia- e o torneiro de madeira Adrián Pena.