O municipio do Ribeiro acollerá os días 20 e 21 de maio, o evento deportivo “Arnoia Sup Challenge” no que se disputará a Copa de España de Longa Distancia, a Copa de España da modalidade Sprint e será tamén unha das probas da Copa Galega de Paddle Surf Race
O presidente do Inorde salientou o potencial deste territorio como sede de eventos de turismo deportivo afirmando que se trata “dun aproveitamento sostible dos recursos naturais para a xeración de actividades económicas desestacionalizadas”
O municipio de Arnoia consolídase como destino deportivo de paddle surf coa celebración, os días 20 e 21 de maio, do evento “Arnoia Sup Challenge”, no que se disputará a Copa de España de Longa Distancia, a Copa de España da modalidade Sprint e será tamén unha das probas da Copa Galega de Paddle Surf Race. A presentación deste evento, co que colabora o Inorde a través do convenio con Turismo de Galicia, tivo lugar hoxe no pantalán de Arnoia, acto no que participou o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio; a xerente do Inorde, Emma González; o director xerente de Caldaria, Javier Soto; e o director técnico da proba, Guillermo Goyanes.
O presidente do Inorde salientou o potencial deste territorio como sede de eventos de turismo deportivo afirmando que se trata “dun aproveitamento sostible dos recursos naturais para a xeración de actividades económicas desestacionalizadas”. Estes recursos naturais son postos en valor a través dunha estratexia de cooperación público-privada a prol do impulso dun ecosistema deportivo na provincia de Ourense, que se ven especializando en deportes náuticos.
Programa da “Arnoia Sup Challenge”
O evento deportivo comezará o sábado, 20 de maio, coa Copa de España de Longa Distancia, na que se darán cita os mellores riders do territorio nacional, ademais dalgúns referentes a nivel mundial. Durante a tarde do sábado, tras disputarse a carreira e realizar a entrega de premios, os asistentes poderán gozar dunha divertida saída popular. Mentres tanto, cativos e adultos poderán participar tamén en diferentes clinics de Sup Race.
Na competición daranse cita diversas categorías con saídas por quendas que van desde os Sub 8 ata os élite. As distancias serán as seguintes: Sub8 (500 metros), Sub10 (2.000 metros), Sub12 (2.000 metros), Sub14 (3.000 metros), Sub16 (10.000 metros), Sub18 (14.000 metros), e Élite (14.000 metros).
O domingo, 21 de maio, será o peche do evento coa Copa de España de Sprints. A distancia será de 200 metros con xiro de boia en formato ISA. Unha vez finalizado, realizarase a cerimonia de peche coa entrega de premios.
Copa de España de Sup Race
A Copa de España de Sup Race de Longa Distancia está composta por 12 probas que se celebran ao longo do ano en diferentes lugares de España, mentres que a Copa de España de Sprint está composta por 6 probas. En cada unha delas, os participantes obteñen unha serie de puntos en función da clasificación que se suman ao ranking e que, finalmente, designará quen é o gañador tanto da Copa de España de Longa Distancia como da Copa de España de Velocidade.
Nesta ocasión, a Federación Española de Surf designou á empresa NOKO 360 como organizadora dunha das probas tanto da Copa de España de Longa Distancia como da Copa de España de Sprint, a celebrarse os días 20 e 21 de maio na contorna do Balneario de Arnoia.