O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, fixo balance da campaña de apoio a un dos sectores máis afectados pola crise, unhas axudas ben enfocadas, moi esperadas e sinxelas de solicitar.
A día de hoxe están pagadas máis do 80% das axudas
4.390 autónomos da cidade serán beneficiarios das axudas que o Concello de Ourense puxo en marcha para apoiar o colectivo ante a crise provocada pola pandemia da COVID-19. As axudas acadaron unha eficacia do 95,7%, “a porcentaxe de éxito máis alta de toda España”, subliñou en rolda de prensa esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen destaca que as subvencións estaban “ben enfocadas”, eran “moi esperadas” e “sinxelas” de solicitar: o 30% das axudas foron solicitadas o primeiro día, e o 75% en 8 días. A día de hoxe están pagadas xa máis do 80% das axudas.
O rexedor destacou que as axudas, por un importe de 9 millóns de euros, fan de Ourense o Concello que “máis apoio lle deu ao colectivo de autónomos de toda España”, tentando proporcionarlles “un balón de osíxeno” ante a crise.
Quixo destacar tamén, na súa intervención, a eficacia do equipo de traballo do Concello de Ourense: “fomos os primeiros en lanzar esta proposta de axudas liñais”, asegura, “e foi un éxito tremendo: fomos os que máis fixemos en España e demostramos que é posible pasar de ser os peores a ser os mellores”, concluíu o alcalde.
Pérez Jácome fixo balance da campaña de axudas detallando os beneficiarios por áreas xeográficas e sectores, segundo o estudo elaborado pola Área de Promoción Económica do Concello de Ourense. Neste senso, destaca que se outorgaron 3.529 de actividades empresariais, 1.023 de actividades profesionais, 15 actividades artísticas.