O alcalde Gonzalo Jácome subliña que todas as propostas festivas acadaron o seu obxectivo e dá as grazas á cidadanía porque “son os auténticos protagonistas que fixeron posible este éxito”
As Festas de Ourense 2024 remataron este domingo cun balance moi positivo para o goberno municipal, que destaca a grande participación do público en todas as actividades programadas polo Concello. Así o manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome: “As Festas de Ourense 2024 foron un éxito absoluto, como xa ven sendo habitual e in crescendo nos eventos festivos que organiza o Concello desde que asumimos o goberno municipal”.
Así, explica o rexedor: “desde o pregón, que congregou miles de persoas para dar o disparo de saída, algo que non se lembraba, ata a traca final dos fogos artificiais, que tupiu coma nunca a Ponte Vella, a tónica dominante foi a alta congregación de xente en cada unha das actividades”. Subliña o alcalde que “non houbo ningún evento que non acadase o seu obxectivo de congregar centos ou miles de persoas, segundo o tamaño do lugar, o cal mostra a boa programación de festas que realizou o Concello de Ourense, adaptándose, e acertando, cos gustos do público. É un auténtico logro o conseguir un 100% de éxito nos 5 días de eventos”, asegurou.
Entre as actividades programadas, pon de relevo o alcalde que o mercado medieval encheu de xente a zona vella, as atraccións infantís tiveron momentos cumes, como a Festa das Cores, que será un clásico nas festas a partir de agora e a xincana xigante, que abarrotou cada día o Posío, con máis de 3.000 nenos e nenas en 4 días.
En canto á parte musical, as formacións locais Golden Jazz, A banda da Balbina e Coral de Ruada encheron nas súas actuacións en Santa Eufemia, mentres que as orquestras e grupos fixeron as delicias de miles de persoas, enchendo a Praza Maior, a Alameda e o Pavillón (O Combo Dominicano chegou ao límite de capacidade de público); o concerto de Celtas Cortos ateigou a Alameda o venres polo noite e tamén foi un éxito a Festa de Fin de Curso coa Macro Discoteca Evolution xunto ao Pavillón. Antes de rematar a actuación da última orquestra, minutos antes da tirada final de fogos artificiais que poñía fin ás festas, o alcalde deu as grazas “aos auténticos protagonistas que fixeron posible este éxito: a cidadanía”.

