As novas liñas dos autobuses urbanos de Ourense entraron hoxe en funcionamento cun notable aumento da puntualidade e un maior número de persoas usuarias, segundo destacou este mediodía o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen valorou positivamente o desenvolvemento desta primeira xornada: “está saíndo moi ben. Todo indica que o cambio é positivo e que fixemos o correcto”, asegurou.
O rexedor explicou que “hoxe é o primeiro día e estamos levando a cabo tamén unha fase informativa, coa finalidade de que a xente coñeza as novas liñas. Estou seguro de que pouco a pouco vaise dar conta de que este sistema é moi superior ao anterior. Non será mellor para todos, xa que non se pode contentar ao 100% da xente, pero si que será mellor para a grande maioría, que é do que se trata nunha rede de autobuses”.
Pérez Jácome salientou especialmente a puntualidade dos autobuses durante esta primeira xornada: “os horarios estanse cumprindo, e isto é moi importante, xa que antes tiñamos un problema de impuntualidade do 75%, e a impuntualidade baixouse a un 7-8%”. Tamén destacou o rexedor que o servizo municipal rexistrou hoxe un incremento no número de persoas usuarias, en torno a un 15% segundo as primeiras estimacións, estimulado pola gratuidade das viaxes, que se estenderá desde hoxe até o luns, 22, durante a Semana da Mobilidade.
As persoas interesadas poden consultar as novas liñas, os horarios e as paradas da nova rede na páxina web do Concello. Ademais, Concello e a empresa concesionaria Avanza instalan estes días unha carpa informativa que percorre os barrios da cidade. Esta mañá estivo na estación intermodal, o mércores estará na residencia (rúa Ramón Puga, 54, xunto ao quiosco), o xoves na Avenida da Universidade (número 18), o venres, na Praza da Mariña, o sábado e o domingo na Praza do Bispo Cesáreo e o luns, 22, no Parque de San Lázaro. Todas as tardes está en Bispo Cesáreo, de 17.00 a 20.00 h