HomeOurenseBaixa LimiaAs portavocías de Podemos Ourense e Podemos Lobios denuncian publicamente aresponsabilidade política...

As portavocías de Podemos Ourense e Podemos Lobios denuncian publicamente aresponsabilidade política directa de numerosos cargos institucionais na contaminaciónsistemática do encoro das Conchas

- Anuncio -spot_img

As portavocías de Podemos Ourense e Podemos Lobios denuncian publicamente a responsabilidade política directa de numerosos cargos institucionais na contaminación sistemática do encoro das Conchas e na vulneración de dereitos fundamentais recoñecida por sentenza xudicial. Durante máis dunha década, responsables políticos da Xunta de Galicia, do Goberno do Estado e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) permitiron —con coñecemento e sen actuar— un modelo de xestión que derivou nunha grave degradación ambiental e nun risco constante para a saúde pública.

Entre os cargos con competencias neste período atópanse:

Os presidentes da Xunta Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda Valenzuela (PP), así como os conselleiros e conselleiras de Medio Ambiente e Sanidade Agustín Hernández, Beatriz Mato, Ángeles Vázquez, Rocío Mosquera, Jesús Vázquez Almuiña, Julio García Comesaña e Antonio Gómez Caamaño (todos do PP). No ámbito estatal, figuran os ministros e ministras Miguel Arias Cañete, Isabel García Tejerina, Teresa Ribera ou Sara Aagesen, e no organismo de conca os presidentes da CHMS Francisco Marín (PP) e José Antonio Quiroga (PSOE). Todos eles tiveron unha responsabilidade directa ou por omisión na xestión dun modelo agroindustrial intensivo, sen control nin restauración, que provocou verteduras constantes e a eutrofización extrema dun espazo natural protexido.

Desde Podemos Ourense e Podemos Lobios esiximos a dimisión inmediata das persoas que, ocupando aínda hoxe cargos públicos, tiveron implicación directa nesta xestión neglixente. Son responsables políticos en activo como Alfonso Rueda, Ángeles Vázquez, Antonio Gómez Caamaño, Sara Aagesen, José Antonio Quiroga e Elena Espinosa, así como outros excargos que seguen presentes na vida institucional como Alberto Núñez Feijóo, Julio García Comesaña, Jesús Vázquez Almuiña, Rocío Mosquera ou Agustín Hernández. Todas estas persoas manteñen os seus postos malia unha sentenza que acredita vulneración de dereitos fundamentais, e non adoptaron ningunha medida de restauración nin de protección sanitaria tras coñecerse o fallo xudicial.

O encoro das Conchas leva anos sendo unha zona sacrificada polas institucións. A presenza masiva de cianobacterias, a ausencia de control sobre os vertidos da gandería intensiva e a inacción administrativa convertérono nun símbolo do abandono institucional e do desprezo pola saúde pública e polo medio ambiente. Por iso, desde Podemos Ourense e Podemos Lobios esiximos a declaración oficial do encoro como zona vulnerable á contaminación por nitratos, a posta en marcha dun plan urxente de restauración ecolóxica, a revisión profunda do modelo agroindustrial intensivo na contorna, a depuración real de responsabilidades políticas e administrativas e garantías sanitarias e ambientais para a poboación afectada. A sentenza non pode quedar en papel mollado. Esiximos xustiza, reparación e fin da impunidade.

Publicacións Relacionadas