O alcalde dá as grazas a participantes, persoal, empresas colaboradoras, cidadanía e voluntariado por facer posible “un San Martiño increíble”
“A cidade de Ourense viviu unha fin de semana máxica e multitudinaria”. Así o destacou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen salientou a extraordinaria participación rexistrada en tres eventos que se desenvolveron na cidade, reunindo milleiros de persoas: a carreira popular do San Martiño e a Feira da Chinita, o domingo, e o Magosto popular, onte luns.
“Grazas por un San Martiño incríble”, manifestou o alcalde, quen quixo expresar o seu recoñecemento e agradecemento tanto aos e ás atletas participantes na carreira, como ao persoal que traballou na súa organización, voluntariado e empresas colaboradoras, e tamén á cidadanía que seguiu masivamente o evento, xa que entre todos e todas fixeron posible unha nova edición exitosa da carreira do San Martiño, un ano máis a máis populosa, pese á chuvia, ademais da máis antiga de Galicia.
O alcalde resaltou tamén o desenvolvemento da Feira da Chinita, unha festa “que cada ano se supera” e que reuniu en Ourense a comunidade venezolana en Galicia, cunha morea de actividades que se levaron a cabo no Campo da Feira, e o Magosto urbano que un ano máis volveu ser “multitudinario”, tanto na súa vertente gastronómica, como na parte musical, coas actuacións de Brañas Folk e da orquestra Olympus.