Cada grupo participante ofreceu dous pases ante o público: as formacións procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile actuaron en Bande, e as de Angola, Colombia e México estiveron en A Rúa. Mañá será a quenda de Celanova e O Carballiño
Bande e A Rúa enchéronse de música e bailes tradicionais de diferentes partes do mundo dentro do primeiro día da XXXVII edición das Xornadas de Folclore, festival organizado pola Deputación de Ourense e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que conta co apoio da Xunta de Galicia.
As 20,30 horas arrancou a primeira cita, na Praza da Constitución de Bande, coas actuacións da Compagnie Artistique Mien-Moh, procedente de Costa de Marfil, Liga Tari Mahasiswa “Kridabudaya”, de Indonesia, e o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua, grupo de orixe chileno.
Cada formación ofreceu dous pases de 12 minutos. O grupo de Indonesia abordou a guerra e a paz e despois bailes cerimoniais; Costa de Marfil, un baile cerimonial e no segundo pase unha danza tradicional con protagonismo feminino -a segunda actuación pechouna cun baile propio de temática folclórica-; e Chile realizou primeiro danzas campesiñas, con protagonismo para ao baile nacional -a cueca- e despois o baile da Illa da Pascua.
Poucos minutos despois de que finalizara o festival en Bande, deu comezo no parque do Aguillón, en A Rúa, o espectáculo do grupo de Ballet Himalaya, procedentes de Angola; a compañía internacional de danza Paipa, de orixe colombiano; e o grupo de ballet folclórico do Instituto Tecnológico de Celaya, os cales acoden a estas xornadas dende México.
Unhas Xornadas de Folclore convertidas nun vehículo de transmisión cultural e nun punto de encontro
Centenares de persoas recibiron en Bande e A Rúa, despois de dous anos de parón debido ás restricións derivadas da pandemia, a unhas Xornadas de Folclore que nas súas 36 edicións anteriores teñen acollidas a máis de 400 grupos diferentes, con orixes en todos os continentes e de máis de 100 países distintos, converténdose nun potente vehículo de transmisión cultural e nun punto de encontro global de distintas músicas e bailes.
Durante toda a próxima semana, as 200 persoas participantes –incluíndo equipo técnico- nas XXXVII edición das Xornadas de Folclore percorrerán as vilas e a capital da provincia mostrando os espectáculos dos seus seis países de orixe. Mañá, mércores 10 de agosto, Celanova acollerá no claustro do mosteiro ás 20,30 horas as actuacións do grupo de ballet Himalaya, a compañía internacional de danza Paipa e o grupo de ballet folclórico do Instituto Tecnolóxico de Celaya. E os outros tres grupos participantes nas xornadas, procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, actuarán dende ás 22,30 horas na Praza Maior de O Carballiño.