É unha actividade aberta e gratuíta, cunha ampla programación de propostas de lecer para escolares de 8 a 16 anos
As familias interesadas poden realizar a inscrición na web de Amencer
O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación da edición número 38 do Campamento Urbano, que organiza a Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración da Concellaría de Xuventude do Concello de Ourense xunto con outras entidades e empresas da cidade. No acto participaron Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense,Tamara Silva, concelleira de Xuventude, Javier Carballo e Pedro Conforto, coordinadores do Campamento Urbano, Xulio Vilar, coordinador da Asociación Xuvenil Amencer e Xulio César Iglesias Blanco, xerente da asociación.
O Campamento Urbano, que se desenvolverá desde o día 1 ao 13 de agosto, é unha actividade aberta e gratuíta na que todos os nenos e nenas de entre 8 e 16 anos poden participar, sendo obrigatoria este ano a inscrición previa a través da páxina da asociación www.amencer.org. As e os maiores de 15 anos poderán participar no Campamento Urbano Xuvenil, que se realizará nas mesmas datas.
Co lema “Unha historia con futuro”, o Campamento Urbano oferta nove días de actividades pola mañá, pola tarde e pola noite (para os maiores de 15 anos). Tres días son enteiros con horario dende as 10.30 ata as 19.30 horas e seis días son partidos con horario de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 h. O programa ten cada xornada unha temática diferente: Día da Benvida, Día da Cultura Urbana, Día da Provincia, Día do Parlamento, Día da Xuntanza/Praia, Día do Centro Histórico/Noite dos pequenos, Día dos Parques, Día da Auga/Despedida de maiores e Día da despedida.
Toda a información en www.amencer.org