Eu Rural organizou xunto aos GDR Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte unha xornada na pequena localidade ourensá de Pitelos para poñer en valor o rural, o produto local e a alta cociña
A aldea ourensá de Pitelos, no municipio de Verea, converteuse da man de Eu Rural e dos GDR Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte na demostración de que un pequeno lugar con menos de 10 habitantes pode converterse con gañas e ilusión nun verdadeiro atractivo para as e os visitantes. A presentación do proxecto ‘A esencia da orixe’ abarrotou este domingo este pequeno municipio e transformou un galpón nun espazo novidoso.
Organizado polos grupos de desenvolvemento rural en colaboración co Concello de Verea, a Gandería Nogueiras e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no evento participaron tanto a veciñanza como numerosas autoridades. A presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou “a importancia dos grupos de desenvolvemento rural para Galicia, xa que están directamente relacionados co territorio e as súas xentes. Este grande evento demostra ademais a importancia que ten a cooperación entre os diferentes GDR, xa que aquí temos o exemplo de como uníndose tres GDR dan visibilidade ao que verdadeiramente importa, que é coñecer a orixe, saber de onde proceden as cousas. E a orixe son tanto a terra como as mans de persoas produtoras, gandeiras, transformadoras que fan que o medio rural mantéñase vivo, fixando poboación e dinamizando o rural”.
A xornada comezou ás 12.00 h cunha sesión vermú con degustación de de cociña de vangarda con produtos da zona preparados in situ por Iván Méndez, xefe de cociña en Tabalú Food&Tech, e Álex Iglesias, do restaurantes Dúas Liñas, de Arzúa. Os chefs conquistaron ao público coa súa demostración de como se poden transformar os distintos produtos na súa orixe a través da alta cociña. Empanada de mexillóns, verduras da horta do Rosal; torrixa do pan do Porriño; ñoquis de pataca galega, cabaza e shiitake; papanduxas homenaxe a Álvaro Cunqueiro; panceta confitada e suflada con crema de grelos e pataca de Galicia; milfollas de filloa e requeixo con virutas de mazá da Estrada; ou tataki de rubia galega con pataca risolada da Limia, foron algúns dos pratos que puideron degustar as familias que acudiron á cita. Mentras, a rapazada participaba en diferentes obradoiros a través dos que descubriron dun xeito lúdico moitas actividades do campo e nos que degustaron tamén mini burguers de cachena, bica de Verea, roscón de Copena de Gondomar e zume de mazá ecolóxico.
A actividade contou tamén coa colaboración de empresas do territorio de Eu Rural, como Viveiros Río Tollo, Adega Pateira, Altos de Torona, Adega valmiñor, Adega Vimbio, Pazo de Valdomiño, Beraki, Copena e Zumiño. Ademais o evento contou coa presenza de pezas de artesáns e artesás do territorio de Eu Rural, como de Las Flores de Greta, Redeiras da Guarda, Atalaia, Aitor Martínez, Luckys Bake Ceramic ou Álvaro Leiro e Julia de La Cal, ambos os dous recentemente nominados aos Premios Nacionais de Artesanía 2023.
O evento continuou pola tarde cunha visita á Gandería Nogueira, que actualmente conta con máis de 300 reses. “É aquí onde está a verdadeira esencia da orixe”, asegurou Eva Gil, da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, durante a visita para explicar a aposta que fixo esta familia polo rural e pola gandeiría como medio de vida. “Esta é unha homenaxe a toda esa xente que traballa por e para o rural, unha homenaxe á familia de Marcos Nogueiras, que apostou por producir e vivir no rural. Como eles hai moita xente en Galicia que apostan por dedicarse aos piares fundamentais do desenvolvemento rural como a agricultura e a gandeiría”.
A xornada rematou coa presentación deste proxecto ante diferentes autoridades, como alcaldesas e alcaldes dos 25 municipios do GDR Limia-Arnoia, así como de varios concellos do territorio de Eu Rural, como a propia Sandra González; Paco Ferreira, rexedor de Gondomar; Cristina Dosil, concelleira de Nigrán; ou Evaristo Ucha, edil de Mos. O acto tamén contou coas intervencións de José Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea, e de Gumersindo Lamas, alcalde de Serraus e presidente do GDR Limia-Arnoia. No acto tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o cociñeiro Gerson Iglesias, do restaurante Erva do hotel Oca Vila de Allariz.
‘A esencia da orixe’ é un proxecto que ten como obxectivo a posta en valor do rural así como dos produtos locais a través da gastronomía, da cultura e do patrimonio e que se sitúa como o seguinte chanzo do proxecto de cooperación transnacional Eurochef II.