Luis Menor e Manuel Gómez-Franqueira mantiveron un encontro de traballo na sede central da cooperativa, en Santa Cruz de Arrabaldo, acompañados pola vicepresidenta da Deputación, Marta Novoa, e o director xeral de Coren, Emilio Rial
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado pola vicepresidenta provincial, Marta Novoa, mantiveron un encontro de traballo na sede do grupo Coren co seu presidente, Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, acompañado á súa vez polo director xeral, Emilio Rial.
Na reunión, Luis Menor explicou a Manuel Gómez-Franqueira os proxectos nos que traballa a Deputación para promover o asentamento de poboación no rural e a xeración de traballo.
Entre as iniciativas comentadas estivo o proxecto AcelerOU, polo que o goberno provincial puxo en marcha o programa Acelerapyme Ourense, dirixido á contorna rural co obxecto de apoiar a empresas e emprendedores no seu proceso de dixitalización, promovendo así á mellora da competitividade e o crecemento económico do territorio.
Un plan que, segundo explicou Luis Menor, “pode resultar de interese para os socios da principal cooperativa agroalimentaria cárnica de España”.
Pola súa banda, Manuel Gómez-Franqueira agradeceu a visita e a exposición do presidente da Deputación, sinalando que o citado programa, entre outros promovidos pola institución provincial, “coinciden coas premisas que tamén forman parte da filosofía da cooperativa”.
O encontro de traballo tivo lugar na sede central da cooperativa, en Santa Cruz de Arrabaldo, onde se atopa a planta de procesado de polo e pavo, na que traballan máis dun millar de persoas. Unhas instalacións que Luis Menor e Marta Novoa tiveron ocasion de percorrer nun primeiro encontro celebrado en novembro pasado, destacando daquela o que supón ter o selo ourensán na principal cooperativa agroalimentaria de España, que reúne a 7.000 familias entre socios e empregados, con 23 industrias propias repartidas por toda Galicia.