Desde a Secretaría de Feminismo de Podemos Ourense presentamos no Concello un requerimento oficial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co propósito de fortalecer as políticas municipais de igualdade, prevención e protección fronte ás violencias machistas.
Para nós, o 25N non é unha mera efeméride, senón un día de loita, denuncia e responsabilidade política, especialmente nun contexto no que os discursos negacionistas e antifeministas avanzan e tentan erosionar dereitos fundamentais.
Reivindicamos que defender os dereitos das mulleres é defender a democracia, e que ningunha institución pode permanecer allea a esta obriga.
No requirimento lembramos que as violencias machistas son un problema estrutural, que afecta de maneira transversal á vida das mulleres: física, psicolóxica, sexual, económica, institucional e dixitalmente. En Galicia existen máis de 4.600 casos activos baixo seguimento policial, e no Estado preto de 105.000 casos activos, cun total de 30 feminicidios no primeiro semestre de 2025, tres deles na nosa comunidade.
Tamén salientamos a gravidade da violencia sexual, con máis de dúas agresións sexuais denunciadas cada hora en España, e alertamos sobre o incremento do ciberacoso e das violencias dixitais, que afectan especialmente ás mulleres novas, ás activistas, ás xornalistas e ás representantes políticas.
Reivindicamos igualmente a necesidade de dignificar e estabilizar as condicións laborais das profesionais que sosteñen a atención ás vítimas —psicólogas, traballadoras sociais, avogadas, educadoras—, porque non se pode loitar contra a violencia machista con servizos públicos precarizados.
As medidas que reclamamos ao Concello
No noso documento solicitamos ao Concello 13 medidas concretas, entre as que destacamos:
- Manifestar publicamente o rexeitamento a todas as violencias machistas e aos discursos de odio e negacionismo.
- Incrementar os recursos municipais destinados á prevención, atención integral e reparación das vítimas.
- Reforzar os CIM, os programas de apoio e os aloxamentos de emerxencia, con especial atención ao rural.
- Mellorar a estabilidade e as condicións laborais das profesionais que atenden ás vítimas.
- Estender os Puntos Violeta a establecementos, servizos públicos e eventos municipais.
- Poñer en marcha protocolos municipais fronte á violencia vicaria e dixital.
- Garantir unha educación afectivo-sexual feminista e inclusiva, libre de censura.
- Abordar a violencia obstétrica e asegurar unha atención sanitaria respectuosa cos dereitos reprodutivos.
- Visibilizar todos os feminicidios e reforzar o acompañamento ás vítimas e ás súas familias.
Desde Podemos Ourense insistimos en que o Concello ten a obriga legal, institucional e ética de cumprir coa CEDAW, o Convenio de Istambul, o Convenio de Varsovia, o Pacto de Estado e a normativa galega e estatal en materia de igualdade. O ámbito municipal é fundamental para garantir unha vida libre de violencias para todas as mulleres.



