HomeOurenseEducación organiza obradoiros de educación ambiental e de arquitectura para alumnado de...

Educación organiza obradoiros de educación ambiental e de arquitectura para alumnado de Primaria e ESO

- Anuncio -spot_img

Con ‘Alfabetización enerxética’ e con ‘Arquinenos (Leonardo Da Vinci)’ quérese formar e sensibilizar a rapazada creando valores sólidos para cando sexa adulta.

Os coñecementos son “tan básicos que bastaría só un día para llos aprender, malia que gran parte da sociedade viva allea a eles”, afirman desde o departamento municipal.

Cada curso chegará a 200 alumnos /as de colexios da cidade.

A Concellería de Educación, dentro do seu programa ambiental, desenvolverá dous obradoiros para os escolares da cidade desde o mes de febreiro: Alfabetización enerxética, para alumnado de Primaria e de ESO, e Arquinenos (Leonardo Da Vinci), para alumnado de 5º e 6º de Primaria (10-11 anos). Con estas iniciativas quérese formar e sensibilizar a rapazada creando valores sólidos para cando sexa adulta.

O curso de Alfabetización enerxética terá relación coas vivendas, edificios e o uso que facemos dos mesmos a hora de habitalos. Introduciranse conceptos coma o dos ‘edificios pasivos’, de consumo case nulo, e como estes responden a principios moi básicos de física, enerxía e sentido común, coñecementos “tan básicos que os entendería un neno de 6 anos e bastaría só un día para llos aprender, malia que gran parte da sociedade viva allea a eles”, afirman desde a Concellería de Educación.

De forma complementaria desenvolverase tamén o obradoiro Arquinenos (Leonardo Da Vinci), co que se quere introducir e desenvolver a visión tridimensional do espazo, pensar e construír, debuxar. A través da observación e do xogo, o alumnado aprenderá o comportamento da luz, que se acumula ao longo do tempo, e da gravidade, que constrúe o espazo. En suma, Arquinenos quere aprender a imaxinar o espazo e o tempo, aprender a comprender e sentir.

Ambos obradoiros parten da igualdade, fomentando a iniciativa a participar, respectando a diversidade das nenas e nenos, enxalzando as cualidades e aptitudes caracterizantes de cada un. De feito, un dos grandes obxectivos dos obradoiros é que sexa o propio alumnado o que propoña, transforme, critique e cuestione todos os ámbitos e as escalas coñecidas.

En cada un dos obradoiros, que comezarán no mes de febreiro, participarán 200 alumnos e alumnas dos colexios da cidade que se acolleron aos programas.

Publicacións Relacionadas