No marco da 41ª edición da Feira Internacional de Turismo, que empezou hoxe en Madrid, a xerente do Inorde, Emma González, reuniuse xunto a outros socios de España e Portugal do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, na Caseta de Estremadura, tras a presentación que fixo centrada no Camiño Xacobeo a Deputación de Badaxoz (xefe de fila do proxecto). Nesa mesma liña, o Inorde, como socio do devandito proxecto, tamén apostará mañá xoves, por promocionar nesta importante cita do sector turístico, a Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense.
O proxecto “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” de cooperación transfronteiriza España – Portugal (INTERREG V A) ten como obxectivo traballar na mellora dos Camiños Xacobeos do Oeste peninsular, potenciar o seu carácter transfronteirizo, a mellora de equipamentos, tecnoloxías, a sinalización e a organización de actividades para que se aproveiten as oportunidades que a existencia dos diferentes Camiños de Santiago do Oeste da Península Ibérica produce como elemento de desenvolvemento económico e social, co fin de poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural do territorio, contribuíndo ao desenvolvemento sostible.
Ademais do Inorde e da Deputación de Badaxoz, son socios do proxecto: a Deputación de Cáceres, a Dirección Xeral de Bibliotecas, Museos e Patrimonio Cultural da Junta de Extremadura, o Instituto de Emprego e Desenvolvemento Socioeconómico e Tecnolóxico da Deputación de Cádiz, Turismo do Alentejo ERT., Municipio de Barcelos, a Deputación de Huelva, PRODETUR S.A.E., Deputación de Córdoba, Deputación de Pontevedra, Deputación de Zamora e Turismo Centro Portugal.



