O alcalde, Gonzalo P. Jácome visitou esta mañá o inicio das obras
O Concello de Ourense presenta o inicio das obras do “Proxecto Construtivo do Sistema de Elevación Vertical na Avda. de Marín ao seu paso baixo a Avda. de Santiago”. Esta actuación, de gran relevancia para a mellora da accesibilidade e mobilidade na cidade, permitirá conectar os niveis da Avenida de Marín e a Avenida de Santiago.
O alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, acompañado de varios concelleiros e concelleiras visitou esta mañá oinicio da obra para supervisar o comezo dos traballos.
Unha solución para a accesibilidade e mobilidade
Actualmente, a conexión entre ambas as avenidas realízase mediante unha serie de escaleiras que salvan un desnivel de aproximadamente 7,87 metros. O novo proxecto, ademais de resolver esta diferenza de cota para peóns, tamén contempla unha solución para o uso da bicicleta, que se atopaba con dificultades debido ás pendentes existentes.
A solución proposta inclúe a instalación dun elevador no interior dunha estrutura perimetral metálica acristalada. Tamén se construirá unha pasarela no embarque e desembarco da Avda. de Santiago para conectar o ascensor co muro da avenida, mantendo as escaleiras existentes como opción complementaria.
“Este proxecto representa un paso importante para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ourense, sinalou o alcalde, rompendo unha barreira histórica ao facilitar a accesibilidade e a permeabilidade entre o barrio da Ponte e o Vinteún”. A previsión é que se poida inaugurar no vindeiro Nadal.
O elevador
Datos xerais da obra
- Contratista: Extraco, Construccións e Proxectos S.A.
- Dirección de obra: José Antonio Gonzalez Meijide (TEMHA S.L.)
- Coordinador de Seguridade e Saúde: Roberto Pérez Prol (COORDINA S.L.)
- Orzamento de licitación: 368.937,03 €
- Fondos Propios: 290.051,30 €
- Fondos Next Generation: 78.885,73 €
- Prazo de execución: 5 meses
- Obra subvencionada con fondos Next Generation: 2ª convocatoria orde TMA/892/2021 do 17 de agosto de 2021 (BOE 201 do 23 de agosto de 2021). Concesión O.M. BOE nº 175 do 24 de xullo de 2023.