· Nunha reunión na sede do PP celanovés, o presidente provincial, Luis Menor, asegurou que esta nova etapa ten como principal obxectivo “preparar o partido para recuperar no 2027 a alcaldía que tantos anos dirixiu o Partido Popular”
· Menor agradeceu o reto aceptado por Javier Caldas, como tamén tivo palabras de recoñecemento para Pablo Pérez polo labor desenvolvido na agrupación, e que agora centrarase na portavocía do grupo municipal
· Caldas sinalou entre os seus obxectivos inmediatos organizar máis reunións periódicas “que nos permitan ter un termómetro das rúas”, e fixou entre as súas prioridades á mocidade, “básica para darlle máis impulso ao partido e garantir o futuro”
O concelleiro do PP de Celanova, Javier Caldas Otero, será proposto para a presidencia da xestora da agrupación local de Celanova, que se aprobará na próxima Xunta Directiva provincial, tomando así o relevo do ata agora representante dos populares Pablo Pérez, que seguirá como portavoz do grupo municipal celanovés.
A proposta de constitución desta nova xestora e do seu presidente foi acordada na reunión que mantiveron os afiliados da agrupación na sede do PP de Celanova, e na que participaron o presidente provincial, Luis Menor, e a secretaria xeral Sandra Quintas, ademais doutros cargos e representantes populares, entre eles o parlamentario galego e ex alcalde, José Luis Ferro.
Con este paso, dixo Luis Menor, o PP de Celanova afronta unha nova etapa na que o principal obxectivo non ten dúbida: “Preparar o partido para recuperar no 2027 a alcaldía que tantos anos dirixiu o Partido Popular”.
O presidente provincial animou aos afiliados a percorrer os pobos e rúas da vila para atraer a máis xente ao proxecto popular, “escoitando o que di e opina a veciñanza, con humildade pero defendendo os nosos valores”.
Menor situou ao PP de Celanova non só como alternativa “seria e rigorosa” de xestión, senón como un piar máis dos irrenunciables obxectivos que ten marcado o partido para 2027, isto é recuperar a maioría absoluta na Deputación e superar as 54 alcaldías actuais: “Celanova será tamén decisiva”.
Javier Caldas Otero (Ourense, 1975) chegou precisamente á política local da man de Pérez, participando na lista do PP de Celanova nas municipais de 2023. Agradecido tanto á dirección provincial como á agrupación local pola confianza depositada na súa persoa, o próximo presidente da xestora celanovesa afirmou que traballará para facer do PP local “un partido referente de unidade e consenso en torno a un proxecto político”.
A favor xoga o tempo, dixo Caldas, “suficiente para planificar pero sen perder un instante”, sinalando entre os seus obxectivos inmediatos organizar máis reunións periódicas “que nos permitan ter un termómetro das rúas”. Con todo, unha das súas prioridades é a mocidade, “básica para darlle máis impulso ao partido e garantir o futuro”.
NOVE XESTORAS
A xestora da agrupación local de Celanova e a súa presidencia será sometidas a aprobación na próxima Xunta Directiva provincial que celebre o PPdeOU, de tal xeito que serán xa nove os órganos provisorios aprobados pola dirección provincial do partido xunto con Maceda, Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela e Amoeiro.