José Manuel Gil relevará a Rubén Quintas á fronte da agrupación local do Partido Popular de Maceda

adminON
Lectura mínima de 4
  • Nunha reunión cunha notable presenza de afiliados e simpatizantes, o presidente provincial Luis Menor enmarcou esta nova etapa no PP de Maceda no amplo obxectivo de “activar e preparar o partido ante calquera convocatoria electoral”
  • Gil Carballo (Maceda, 1972), concelleiro do grupo municipal desde hai 10 anos, onde exerce como segundo portavoz tras Ruben Quintas, agradeceu a confianza depositada na súa persoa “para este importante reto ao que dedicarei todo o meu interese e esforzo”
  • Non faltaron palabras de agradecemento a Rubén Quintas polo traballo dedicado ao partido e ao concello. “Remato aquí unha etapa de 12 anos como presidente da agrupación local, pero seguirei contribuíndo a darlle a fortaleza que necesita a nosa formación e recuperar a alcaldía fronte á desidia que hoxe sufrimos”, apuntou Quintas

O concelleiro popular José Manuel Gil Carballo relevará a Rubén Quintas á fronte da agrupación local do PP de Maceda, presidindo a xestora que se aprobará na próxima Xunta Directiva provincial. A constitución deste órgano e a proposta de José Manuel Gil para asumir a presidencia foron aprobadas nunha reunión celebrada no salón de plenos coa presenza do presidente provincial Luis Menor e a secretaria xeral Sandra Quintas, ademais dunha notable presenza de afiliados e simpatizantes.

Luis Menor enmarcou esta nova etapa no PP de Maceda no amplo obxectivo de “activar e preparar o partido ante calquera convocatoria electoral”, referíndose así ao deterioro do escenario político estatal e xa coa vista posta nas eleccións municipais de maio de 2027. Lembrou que entre os obxectivos marcados pola dirección figura superar o número actual de alcaldías gobernadas na provincia (54), ademais de recuperar a maioría absoluta na Deputación. Así, dixo, os resultados que se obteñan nas próximas eleccións locais “teñen que servir tamén para recuperar con amplo apoio o goberno do Concello de Maceda”.

O presidente provincial tamén trasladou aos presentes unha mensaxe de ánimo e total apoio á veciñanza ante as consecuencias dos devastadores lumes rexistrados en agosto, poñendo como exemplo de eficacia a rápida resposta da Xunta de Galicia e da Deputación, “o que demostra a capacidade de xestión dos gobernos do PP”.

Pola súa banda, Gil Carballo (Maceda, 1972), concelleiro do grupo municipal desde hai 10 anos, onde exerce como segundo portavoz tras Ruben Quintas, agradeceu a confianza depositada na súa persoa “para este importante reto ao que dedicarei todo o meu interese e esforzo”, destacando tamén sentirse tan arroupado pola notable resposta de afiliados e simpatizantes.

Non faltaron palabras de agradecemento a Rubén Quintas polo traballo dedicado ao partido e ao concello durante os seus anos de mandato á fronte da alcaldía e tamén desde a oposición.

Un agradecemento que tamén fixo o propio Rubén Quintas polo apoio recibido neste tempo desde o partido. “Remato aquí unha etapa de 12 anos como presidente da agrupación local, pero seguirei contribuíndo a darlle a fortaleza que necesita a nosa formación e recuperar a alcaldía fronte á desidia que hoxe sufrimos”, apuntou Quintas.

OITO XESTORAS

Coa próxima aprobación da xestora de Maceda serán xa oito os órganos provisorios aprobados pola dirección provincial do partido xunto con Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela e Amoeiro.

Comparte este artigo