Home Ourense Julio García Comesaña: “É difícil poñer iniciativas en marcha para tratar de...

Julio García Comesaña: “É difícil poñer iniciativas en marcha para tratar de resolver os problemas da Sanidade e topar sempre co voto en contra do PSOE e do BNG”

- Anuncio -

• Subliña as apostas “arriscadas, importantes e pioneiras” da Xunta, como a Lei que permite ofertar o acceso a prazas de difícil cobertura de especialidades médicas, a través dun concurso de méritos, en hospitais comarcais como o de Verín

• “Queda demostrado que a intención non é, en absoluto, pechar estes centros, senón reforzalos, para que sigan sendo unha peza fundamental na cadea sanitaria”, incide

• Paula Prado recrimina a socialistas e nacionalistas que prefiran “a demagoxia e poñerse detrás da pancarta en vez de remar na mesma dirección para solucionar este problema”

O responsable de Xestión da Innovación da Secretaría de Sanidade do Partido Popular, Julio García Comesaña, lamentou hoxe que, mentres o PPdeG segue traballando en reforzar a atención sanitaria, o PSOE e o BNG “continúan transmitindo inquedanza á poboación e informacións falsas, e opoñéndose a todas as medidas”.

“É difícil poñer iniciativas en marcha para tratar de resolver problemas que afectan a todo o Estado e topar sempre co voto en contra do PSOE e do BNG, que realmente o que queren é que á Sanidade lle vaia mal, para así seguir mantendo ese discurso político. É o que están acostumados a facer e no que están cómodos”, sinalou esta mañá Comesaña, nunha visita ao hospital comarcal de Verín.

Alí, acompañado pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, subliñou as apostas “arriscadas, importantes e pioneiras” da Xunta de Galicia neste eido, como a Lei que permite ofertar o acceso a prazas de difícil cobertura de especialidades médicas, a través dun concurso de méritos, nos hospitais comarcais.

En opinión do responsable sanitario, esta é unha medida “valente”, que non existe en ningunha outra comunidade autonómica, e coa que a Consellería busca seguir traballando en consolidar a rede de hospitais comarcais de Galicia, conformada por sete centros, fundamentais para que a gran maioría dos galegos teñan un centro hospitalario preto da súa casa.

A nova norma permite acceder a unha praza comarcal de difícil cobertura sen oposición e de xeito permanente —en propiedade—. Unha iniciativa similar á que xa foi aprobada para a atención primaria e que se traduciu na asignación de 106 postos de difícil cobertura en propiedade, 20 deles na provincia de Ourense. Sobre isto, Comesaña puxo como exemplo o centro de saúde de Laza, onde a praza estaba sen cubrir desde 2012 e agora xa hai un profesional que está dándolle estabilidade e cobertura a esta localización.

Tanto a lei para a atención primaria coma a de comarcais, aprobadas ambas no Parlamento de Galicia, foron votadas en contra polo PSOE e polo BNG.

“Queda demostrado que a intención non é, en absoluto, pechar os hospitais comarcais, senón reforzalos, para que sigan sendo unha peza fundamental na cadea sanitaria”, incidiu, e remarcou tres piares, “profesionais, infraestrutura e equipamento”, fronte aos que transmitían “ata pánico” á poboación porque se ían pechar este tipo de centros.

PAULA PRADO: “MEDIDAS FRONTE A PANCARTAS”
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reclamou á oposición que “deixe de xogar á hipocrisía” e vaia da man de Galicia na petición de solucións á falta de médicos por parte do Goberno de Sánchez, contrapoñendo a isto “o grande esforzo” que está a facer a Xunta por reverter esta situación.

Deste xeito, fixo referencia ao feito de que o PSOE e o BNG non estean apoiando a iniciativa que os populares están promovendo nos concello correspondentes aos hospitais comarcais, como o de Verín. A iniciativa xa se presentou nalgún dos plenos municipais e se presentará noutros en decembro.

Na moción, os populares instan ao Goberno do España a asumir as súas competencias para solucionar a falta de médicos e, á vez, apoiar a decisión da Xunta de aprobar a devandita Lei para os centros hospitalarios comarcais.

“Galicia está a facer o seu traballo para solucionar unha situación que non é nin do presidente Rueda, nin da presidenta Ayuso, senón de toda España. Unha situación que a nosa Comunidade ten como prioridade pero non así o Goberno central, que prefire centrar o foco nas comunidades gobernadas polo PP e obviar a realidade”, declarou a secretaria xeral.

De aí que recrimine ao PSOE e ao BNG que prefiran “a demagoxia e poñerse detrás da pancarta, en vez de remar na mesma dirección para solucionar este problema”. Así mesmo, lamentou que “ao día seguinte de que a Xunta chegara a un acordo con colexios médicos, preferiron alporizar e teledirixir as manifestacións”.

Paula Prado concluíu reivindicando as propostas do PP no eido sanitario: “Medidas fronte a pancartas, investimentos fronte a insultos e seriedade fronte a demagoxia”.

INVESTIMENTO DE CASE 4 MILLÓNS DE EUROS EN VERÍN
A Comisión de Sanidade do PPdeG, presidida pola deputada Encarna Amigo, que se reuniu na sede local, visitou tamén a zona de ampliación do hospital de Verín, onde a Xunta está a investir case 4 millóns de euros, que se suman á renovación de equipamento, como o TAC, o primeiro que se actualiza en dentro dun programa de renovación de tecnoloxía con 67 millóns de euros para toda a Comunidade.

Así mesmo, tamén se renovaron 40 camas, mesiñas de paciente e sillóns, o ecógrafo de Radioloxía ou as lámpadas cirúrxicas. “Atopámonos no hospital con menor demora nas listas de agarda cirúrxica en toda Galicia”, remarcou Comesaña, que agradeceu o esforzo de profesionais e a dirección.

“O 28 DE MAIO OS VECIÑOS DE VERÍN TERÁN O GOBERNO QUE MERECEN”
Pola súa banda, o presidente local, agradeceu o compromiso da Consellería de Sanidade, que demostra que o PP “quere traballar a prol da sanidade galega”. “E demostra, ao mesmo tempo, que non teñen sentido as afirmacións dalgúns grupos políticos que din que o que facemos é desmantelar”.

“Queremos que Verín volva tinguirse de azul o próximo 28 de maio e que os seus veciños volvan gozar dunha maioría do Partido Popular. O goberno que merecen, fronte a oito anos de socialismo que en nada lles beneficiou”, concluíu Paula Prado.

Relacionadas

O Concello recibe o premio Pajarita Azul 2024 polo seu compromiso coa xestión dos...

0
O tenente de alcalde Aníbal Pereira recolleu esta mañá o galardón que outorga a asociación española de fabricantes Aspapel O Concello de Ourense recibiu esta...

O alcalde eloxia a traxectoria de Roberto Verino e subliña a súa condición de...

0
Pérez Jácome participou no acto de remate da exposición retrospectiva dos seus 40 anos, na Sala Valente O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asistiu...

A rúa Bispo Carrascosa estará pechada ao tráfico mañá de 8 a 17 horas...

0
A rúa Bispo Carrascosa, no centro histórico da cidade, estará pechada ao tráfico mañá xoves, 25 de abril, de 8 a 17 horas, pola...

A Deputación saca a concurso un programa de apoio a emprendedores e consolidación empresarial...

0
Esta iniciativa, desenvolta polo Inorde, contémplase no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal, a través do que se financia esta acción,...

A Deputación e o GDR Limia Arnoia asinan un convenio de colaboración para a...

0
O presidente provincial, Luis Menor; e o presidente do GDR Limia Arnoia, Gumersindo Lamas Alvar, asinaron o documento polo que a Deputación cede sete...

Luis Menor e o conselleiro de Cultura poñen en valor a cooperación institucional na...

0
José López Campos fixo a súa primeira visita institucional a Ourense e foi recibido polo presidente provincial na actividade da Asociación Provincial de Libreiros...

Publicacións Relacionadas