LORENZANA ANUNCIA A REEDICIÓN DO OBRADOIRO DA RÚA, O BOLO E LAROUCO E INDICA QUE 9 DE CADA 10 CONCELLOS OURENSÁS TERÁN TALLERES DUAIS EN 2021-2022
― A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego, ‘Laboru’, no que se formaron 20 persoas en mellora de montes e especialidades de xardinería
― A Xunta ven de anunciar unha nova edición desta actividade formativa para desempregados do concello da Rúa, en colaboración co do Bolo e Larouco
― Con 9M€, a provincia de Ourense se sitúa á cabeza da nova convocatoria de obradoiros 21-22, que permitirá formar a 552 persoas en 82 dos seus 92 concellos
― Lorenzana incidiu na importancia de incentivar o emprego verde con este tipo de actuacións, que entroncan cos compromisos da Xunta na xestión sostible dos recursos
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe na Rúa o obradoiro de emprego Laboru, organizado por este concello en colaboración cos do Bolo e Larouco, e que permitiu formar 20 persoas en actividades forestais e de xardinaría. A titular de Emprego subliñou a aposta da Xunta polo impulso do emprego verde con actividades formativas como esta, que terá continuidade na convocatoria que se ven de resolver e que que sitúa á provincia de Ourense como a perceptora do maior investimento (9 millóns de euros) con obradoiros que se celebrarán en 82 dos 92 concellos ourensás.
Lorenzana puxo o obradoiro hoxe clausurado como exemplo da implicación da Xunta na busca dun dos obxectivos do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, que persegue, de xeito transversal, unha explotación forestal e consumo responsable e a xestión sostible dos recursos naturais, neste caso “partindo de accións locais”.
“O obradoiro que hoxe estamos a clausurar reflicte o compromiso cunha formación catalizadora dun emprego local baseado nun modelo de desenvolvemento económico responsable, e ligado ao coidado e ás necesidades tanto dos nosos montes como, por suposto, da nosa xente”, remarcou Lorenzana.
Nesta actividade o Goberno galego investiu este ano un total de 346.946 euros que permitiron formar a 20 persoas desempregadas en dúas especialidades: conservación e mellora de montes (14 alumnos/as) e viveiros, xardíns e centros de xardinaría (6 alumnos/as). Trátase de “dúas especialidades de crecente demanda no mercado laboral e que, de seguro, vos proporcionarán novas e mellores oportunidades laborais, ao mesmo tempo que deixades unha pegada tanxible e beneficiosa para a propia contorna”, indicou a conselleira aos participantes.
Co obradoiro Laboru, os alumnos traballadores melloraron na Rúa zonas axardinadas no barrio de Fontei, na contorna da capela de Somoza ou nos accesos ao miradoiro do Barranco Rubio, entre outras actuacións. No Bolo, os traballos centráronse nas Fosas Lentellais, no Hospital Santa Cruz, en Valbuxán, Noudiños Paradela e en A Regueira. En Laurouco, os participantes no taller de emprego realizaron melloras na aula de natureza en Freixido, no parque da escola e na praza de Seadur, en A Seara e no parque das antigas escolas e prazas en Larouco.
A provincia lidera o investimento
A Xunta ven de reforzar o seu compromiso con estas accións formativas que na nova convocatoria suporán tan só na provincia de Ourense un investimento de máis de 9 millóns e medio de euros (9.671.709 €). Ourense se sitúa, deste xeito, como a provincia que recibe un maior investimento (o 30% do total concedido), o maior número de obradoiros, desenvolvéndose un total de 28 (un 75% máis que na edición anterior na que foron 16) nos que se formará a 552 alumnas e alumnos en 82 dos 92 concellos de Ourense, chegando ao 90% dos municipios da provincia.
Entre estas actuacións, O Bolo, A Rúa e Larouco renovarán a súa colaboración na organización da segunda edición do obradoiro hoxe clausurado baixo a denominación Laboru II, cunha inversión tamén de 346.946 euros.
Lorenzana quixo facer énfase no “alto grado de efectividade e resultados tan positivos” dos obradoiros duais de emprego, cunha “oferta sen precedentes de obradoiros de emprego en toda a comunidade, acadando cifras récord”. Estamos, segundo indicou, ante a maior convocatoria, con máis de 34 millóns de euros, que permitiran impartir 94 obradoiros en toda Galicia, con case 1.900 prazas (increméntanse un 50% respecto do ano pasado).
“Como ben sabedes, non estamos a falar simplemente de números; son proxectos vitais que se están a dotar de novas ferramentas e posibilidades laborais, con experiencias formativas e humanas que teñen en conta a realidade social e económica que nos ofrecer a nosa contorna”, aseverou a titular de Emprego na Xunta.