HomeOurenseLuis Menor fai balance da actividade orgánica e política do PP de...

Luis Menor fai balance da actividade orgánica e política do PP de Ourense, nun 2025 “de intenso traballo, obxectivos ben definidos e como única opción de confianza para os ourensáns”

- Anuncio -spot_img
  • Na reunión desta tarde, os populares ourensáns aprobaron dúas novas xestoras correspondentes ás agrupacións locais do Irixo, que terá como presidente a Álvaro Penedo, e Montederramo, que liderará Eladio Fernández Gómez
  • As xestoras, xunto cos 22 congresos locais celebrados, supuxeron un gran esforzo que serviu para engraxar esa maquinaria “da que tan orgullosos estamos e que nos permite responder, desde o minuto un, ante calquera convocatoria electoral”
  • Menor pediu máxima atención ante unha posible convocatoria de eleccións xerais. Para cando chegue ese instante, engadiu, “todos a unha, sen distraccións e con toda a forza política, temos que levar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do país”.
  • Ourense e Galicia estarán aí, asegurou, como así seguen a demostrar as enquisas que manteñen a maioría absoluta de Alfonso Rueda e os 8 deputados ourensáns no Parlamento galego

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, presidiu esta tarde a última convocatoria do ano da Xunta Directiva provincial, na que fixo balance da actividade orgánica e política da formación, nun 2025 que cualificou como “de intenso traballo, obxectivos ben definidos e como única opción de confianza para os ourensáns”.

Na reunión desta tarde, os populares ourensáns aprobaron dúas novas xestoras correspondentes ás agrupacións locais do Irixo, que terá como presidente a Álvaro Penedo, e Montederramo, que liderará Eladio Fernández Gómez.

Con estes dous órganos provisorios, o PP de Ourense ten xa en marcha doce xestoras -Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela, Amoeiro, Verín, Celanova e, Maceda completan a lista-, todas cunha misión moi concreta: “manter a actividade do partido e unir e fortalecer a agrupación local”, afirmou Luis Menor, acompañado pola vicepresidenta Marta Novoa, e a secretaria xeral, Sandra Quintas,

Este traballo interno, engadiu, viuse reforzado coa celebración neste ano de 22 congresos locais, cifra que na súa totalidade alcanza as 24 agrupacións actualizadas.

Un gran esforzo dixo que serviu para engraxar esa maquinaria “da que tan orgullosos estamos e que nos permite responder, desde o minuto un, ante calquera convocatoria electoral”. A primeira delas e máis certa, apuntou, son municipais de 2027, para as que recordou os tres principais obxectivos: recuperar a maioría absoluta na Deputación; superar as 54 alcaldías gobernadas polo PP; e ser decisivos no Concello de Ourense.

ACTIVIDADE POLÍTICA EN CONCELLOS E A NIVEL NACIONAL

O presidente provincial tamén repasou a actividade política, lembrando que o PP volve a gobernar en Manzaneda, “pero arrebatáronnos Viana do Bolo e, máis recentemente, dixemos basta en Ramirás”, logo das continuas escusas da alcaldesa socialista para dar o relevo ao PP na alcaldía, tralo pacto alcanzado en 2023.

Citou ademais Carballiño, cun pacto que suporá que o Partido Popular tome o relevo na alcaldía en maio de 2026, a garantía de gobernabilidade en Xinzo de Limia, a estabilidade no Irixo, “e a exemplaridade dos relevos de alcaldes en Esgos e Xunqueira de Espadanedo”.

Xa no ámbito nacional, puxo en valor o recoñecemento ao PP de Ourense polo traballo e os resultados electorais conseguidos nas autonómicas e europeas do pasado ano, que se traduciu na elección de Luis Menor como membro do Comité Executivo Nacional, a incorporación á Xunta Directiva Nacional da vicepresidenta, Marta Novoa, en calidade de alcaldesa de San Cibrao das Viñas; e os nomeamentos de Antonio Rodríguez Miranda como coordinador do PP no Exterior, Ana Vázquez como secretaria de Interior, e Rosa Quintana como responsable da política pesqueira do PP.

Menor pediu máxima atención ante unha posible convocatoria de eleccións xerais diante dun “escenario nacional irrespirable e un goberno imposible”. Para cando chegue ese instante, engadiu, “todos a unha, sen distraccións e con toda a forza política, temos que levar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do país”.

Ourense e Galicia estarán aí, asegurou, como así seguen a demostrar as enquisas que manteñen a maioría absoluta de Alfonso Rueda e os 8 deputados ourensáns no Parlamento galego.

Publicacións Relacionadas