Luis Menor, na VI Conferencia de Presidencias de Deputacións, pon en valor o termalismo ourensán como “turismo especializado, de autor, tranquilo e con identidade propia”

adminON
Lectura mínima de 4

O presidente provincial participou nunha mesa de debate sobre o turismo sostible, na que puxo en valor os programas da Deputación en materia termal, así como algúns dos principais eixos de atracción da provincia como a Vía da Prata ou a Ribeira Sacra, entre outros

No encontro de presidentes de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares celebrado en Mallorca, #Luis Menor entrevistouse co presidente da Deputación de Valencia, Vicente José Mompó Aledo, a quen explicou os detalles do programa de respiro, abordando a posibilidade de estender esta experiencia pioneira en Ourense a outros puntos de España.

Presidentes provinciais de toda España asinaron unha declaración conxunta, un documento que recolle unha folla de roteiro a seguir para reforzar a cooperación

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe nunha mesa de debate sobre o turismo sostible, no marco da VI Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares, que se desenvolve en Mallorca, evento organizado polo Consell de Mallorca xunto coa Fundación Democracia e Goberno Local e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP),

Na súa intervención, xunto a presidentes provinciais de Cádiz, Alacante, Xirona, Eivissa, Lugo e Sevilla, #Luis Menor puxo en valor o termalismo ourensán, subliñando que no caso de Ourense trátase dun turismo termal “especializado, de autor, tranquilo, non masificado e con identidade propia”.

Ourense, como única provincia de interior de Galicia, “obríganos a realizar un maior esforzo para atraer visitantes, o que implica deseñar estratexias que dean visibilidade a aqueles factores que nos fan diferentes”, dixo o presidente provincial, destacando que a sustentabilidade é un eixo das accións que se desenvolven en territorio ourensán como destino turístico.

Ademais de destacar a importancia da desestacionalización do turismo responsable, polo que aposta a Deputación de Ourense, o presidente provincial afirmou durante a mesa de debate que “falamos dun turismo de oportunidades para o rural, para manter poboación, para xerar actividade económica en torno ao visitante e crear emprego”.

Luis Menor debullou a oportunidade que supón para Ourense o AVE, así como as potencialidades da Vía da Prata, a Ribeira Sacra, o enoturismo, a gastronomía coon un amplo abanico de produtos de calidade ou o turismo de montaña coa estación de Manzaneda.

Ademais, explicou aos asistentes os diferentes programas de termalismo implantados postos en marcha pola Deputación de Ourense, citando expresamente o “Respiro Termal” para maiores afectados pola DANA de Valencia, onde un primeiro grupo procedente de Massanassa xa puido disfrutaro dunha estancia de benestar no balneario de Arnoia.

Neste contexto e durante o encontro que desde onte reúne na illa mallorquina a representantes provinciais de toda España, #Luis Menor tivo ocasión de conversar co presidente da Deputación de Valencia, Vicente José Mompó Aledo, a quen explicou os detalles do programa de respiro, abordando a posibilidade de estender esta experiencia pioneira en Ourense a outros puntos de España.

Declaración conxunta

Ademais, durante esta VI Conferencia de Presidencias das Deputacións provinciais, cabidos e consellos insulares, o presidente da Deputación, xunto a outros representantes provinciais do resto de España, participaron na aprobación dunha Declaración conxunta.

Este documento recolle os compromisos adquiridos durante a conferencia e marcará unha folla de roteiro común para reforzar a cooperación e modernización das institucións. A declaración acordada por todas as presidencias, demostra, en palabras dos asinantes, “a forza e a unidade do sector local nas reclamacións que se formulan ao Goberno da Nación”.

Comparte este artigo