O presidente provincial, Luis Menor participou hoxe na inauguración da XVII edición da Feira do Viño de Monterrei coa que colabora a Deputación de Ourense e que conta coa presenza de 19 adegas da Denominación
Luis Menor tamén participou na entrega de distinción aos novos cofrades da Cofradía dos Viños de Monterrei que incorporou cinco novos membros a esta entidade creada en 2013
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor participou hoxe en Verín, na inauguración da XVII edición da Feira do Viño de Monterrei, onde puxo en valor “o bo facer” das adegas desta Denominación de Orixe que permite poñer no mercado caldos que “nacen cunha característica esencial: a busca da excelencia”.
Luis Menor destacou o traballo de promoción e internacionalización que está a facer o Consello Regulador de Monterrei buscando “novas oportunidades de negocio nos mercados exteriores”.
Ese traballo de promoción e de busca de novos mercados son “excelentes oportunidades para facer medrar o sector servizos, xerar máis riqueza, emprego e axudar a fixar poboación no rural”, destacou Menor, quen asegurou que o futuro da provincia pasa precisamente por “promover novas oportunidades para que a xente poida desenvolver os seus proxectos vitais e profesionais no noso territorio”.
Ao fío disto, o presidente provincial puxo o foco no papel dinamizador do viño no desenvolvemento social e económico do territorio ao ir intrinsecamente ligado a outros sectores como o turismo. “Un valor engadido da viticultura que debe aproveitar factores tan importantes como as excelentes comunicacións que proporciona o AVE, cunha estación, Porta de Galicia, a pouco máis de 20 minutos de aquí”, sinalou Luis Menor.
Novos cofrades
O presidente provincial participou, de xeito previo á inauguración, na entrega de distincións aos novos cofrades da Cofradía dos Viños de Monterrei que tivo lugar na Igrexa Parroquial de Verín. Esta entidade creada en 2013 incorporou hoxe a cinco novos membros.
A Feira do Viño de Monterrei, coa que colabora a Deputación de Ourense, ofrece este ano un completo e variado programa de actividades dirixidas a todos os públicos durante os días 10 e 11 de agosto, con catas, xogos e showcookings.