· O presidente provincial do PP ourensán advirte que o modelo proposto para o período 2028-2034, con máis peso para os gobernos nacionais, afasta a Europa dos territorios e das necesidades reais dos cidadáns
· Menor avala a súa postura coa aposta do Goberno provincial polo financiamento europeo: 27,9 millóns de euros captados desde o inicio do mandato en 2023, o que supón case un terzo do seu orzamento anual
· O eurodeputado galego, Adrián Vázquez, anfitrión da visita a Bruxelas, afirmou pola súa banda que o incerto camiño cara a un modelo centralizador é “un erro que só servirá para afastar a Europa das provincias que máis necesitan estes fondos”
O presidente do Partido Popular de Ourense, #Luis Menor, reivindicou hoxe en Bruxelas o coñecemento directo do territorio das administracións locais como a vía máis eficiente para xestionar os fondos europeos. Nunha visita ao Parlamento Europeo, encabezando unha delegación do PP ourensán, Menor foi tallante ao rexeitar o Novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034, un modelo de xestión centralizada que expón a Comisión Europea.
Acompañado polos eurodeputados do PPdeG, Adrián Vázquez e Francisco Millán Mon, o presidente provincial mantivo unha reunión con membros populares da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo (REGI) -Elena Nevado e Marabillas Abadía-, a quen trasladou que a proposta actual da Comisión representa un “ineficiente cambio de modelo” que outorga un poder excesivo aos Gobernos estatais en detrimento de rexións e concellos.
A capacidade de xestión das entidades locais baséase no coñecemento directo das demandas dos cidadáns, afirmou Menor: “Demostramos suficientemente que temos a experiencia necesaria para empregar estes recursos con eficacia”.
Luis Menor trasladou aos eurodeputados populares que a captación de recursos europeos é un obxectivo estratéxico para o Goberno popular na Deputación, algo que se traduce en resultados tanxibles para Ourense. Subliñou que desde o inicio do actual mandato en 2023, a institución provincial conseguiu 27,9 millóns de euros, unha cifra que equivale a case un terzo do orzamento total da Deputación.
A aposta por lograr financiamento europeo está a traducirse en proxectos de alto impacto para a provincia como o PERTE do Ciclo da auga (7,75 millóns da UE); máis de 8,6 millóns para os Plans de Actuación Integrada en Ourense Sur e Valdeorras, enfocados ao desenvolvemento sostible e a competitividade económica; 4 millóns captados para a transformación dixital da administración; e outros 7,5 millóns adicionais para sectores crave como o turismo termal, o emprego, o comercio e a innovación no rural.
Adrián Vázquez: “Levamos a voz das provincias a Europa”
“Os fondos europeos son un medio esencial de financiamento para poñer en marcha novos proxectos para o territorio: “Non podemos permitir que un sistema burocrático e centralizado ignore a realidade da nosa provincia”, concluíu o presidente, quen personificou no eurodeputado Adrián Vázquez o seu agradecemento pola organización desta visita.
O representante galego na Eurocámara afirmou pola súa banda que este tipo de encontros serven para “levar a voz das provincias a Europa”, hoxe preocupadas polo incerto camiño cara a un modelo centralizador: “É un erro que só servirá para afastar a Europa das provincias que máis necesitan estes fondos”, dixo Vázquez, para quen o feito de que os gobernos centrais poidan ter a responsabilidade dos fondos europeos e de como se reparten “non é nada bo no caso de España vendo como o fixo o Goberno de Sánchez”, que mentres o seu grao de execución de fondos europeos rolda o 70 %, “no caso das comunidades autónomas é case pleno”
PARTENALIA
Con anterioridade a este encontro, #Luis Menor reuniuse con representantes da Asociación de Gobernos Locais Intermedios, Partenalia, onde incidiu na necesidade de que as comunidades autónomas e as provincias manteñan o seu papel no financiamento europeo: “É vital que non prospere a centralización da repartición de fondos”, subliñou o presidente do PP de Ourense, quen pediu a Partenalia que faga fincapé para que o futuro modelo siga dando protagonismo ás administracións máis próximas ao territorio.



