· O PP de Ourense “sae claramente reforzado deste comité”, afirma o presidente provincial, lembrando a súa elección como membro do Comité Executivo e a presenza da vicepresidenta dos populares ourensáns, Marta Novoa, en calidade de alcaldesa de San Cibrao das Viñas, na Xunta Directiva
· O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe estar totalmente preparados para unha convocatoria electoral, “o mesmo obxectivo co que traballamos no PP de Ourense poñendo a punto o partido en toda a provincia”
O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, expresou hoxe a súa satisfacción polas designacións de Antonio Rodríguez Miranda como coordinador do PP no Exterior, e Ana Vázquez Blanco como secretaria de Interior no PP nacional.
Luis Menor asistiu esta mañá na sede nacional de Génova á convocatoria do Comité Executivo, primeira reunión ordinaria do novo órgano de dirección elixido tralo congreso celebrado a principios de xullo en Madrid. Unha cita na que se aprobaron, entre outros, os nomeamentos de Rodríguez Miranda e Vázquez Blanco.
O PP de Ourense, declarou o presidente provincial, “sae claramente reforzado deste comité”, sinalando que con estes novos representantes “o partido gaña máis peso na estrutura nacional do PP”. Lembrou así que ademais da súa elección como membro do Comité Executivo no pasado congreso de Madrid, tamén na Xunta Directiva participa a vicepresidenta dos populares ourensáns, Marta Novoa, en calidade de alcaldesa de San Cibrao das Viñas como representantes de dez pequenos concellos de España.
Menor valorou a representación ourensá na dirección nacional do PP como “todo un orgullo por formar parte dun equipo que representa a milleiros de cidadáns e a un partido que é a esperanza de España”.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe estar totalmente preparados para unha convocatoria electoral, “o mesmo obxectivo co que traballamos no PP de Ourense poñendo a punto o partido en toda a provincia coa celebración de dezasete congresos locais, a próxima convocatoria doutros cinco e a aprobación ata agora de sete xestoras, ademais das que se acorden nesta segunda metade do ano”.