O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor “a ambiciosa reforma” acometida nestas instalacións grazas a un investimento de 432.000 euros, no marco da aposta da Deputación por dotar de infraestruturas deportivas de calidade ao rural ourensán
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o campo de fútbol de Cartelle “Pau Rañado”, unha das infraestruturas deportivas renovadas na provincia co apoio da Deputación de Ourense, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Jaime Sousa. Menor puxo en valor a “ambiciosa reforma” acometida nestas instalacións grazas a un investimento de 432.000 euros do Goberno provincial, no marco da aposta da Deputación por dotar de infraestruturas deportivas de calidade ao rural ourensán.
“Garantir que a nosa veciñanza e os clubs locais conten con instalacións de primeiro nivel é fundamental para fixar poboación, fomentar hábitos de vida saudables e asegurar a igualdade de oportunidades no medio rural”, dixo Luis Menor.
Coa renovación do campo de fútbol de Cartelle, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co deporte base, facilitando que entidades de todas as categorías poidan adestrar e competir nas mellores condicións de seguridade e confort.
As actuacións realizadas neste campo inclúen a renovación do terreo de xogo coa instalación de céspede artificial, mellora do equipamento, instalación de rego e drenaxe, así como a construción dunha beirarrúa perimetral no campo.
Hoxe, o campo de fútbol de Cartelle acollía un partido de fútbol disputado entre os veteranos do RC Celta e a UD Ourense en homenaxe ao equipo ourensán UDO e con motivo do primeiro aniversario do pasamento do xogador Pau Rañado, símbolo do fútbol municipal e tan presente na vida diaria da veciñanza de Cartelle.

