A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 18 acordos na súa sesión ordinaria desta semana
Viaqua executará investimentos por importe de case 2 millóns de euros en obras de mellora da rede de auga da cidade. Así o prevé o acordo aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local sobre compensación das cotas de amortización incluídas na retribución do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais que a empresa presta na cidade. Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno aprobou un total de 18 acordos. Entre eles, ampliar a dotación económica destinada a axudas para comedores escolares e outorgar a concesión da explotación da cafetería do Xardín Xaponés, cun canon anual de 55.000 euros.
Infraestruturas (3). Declarar a obriga de Viaqua de executar 9 proxectos de mellora da rede de auga de Ourense, cun investimento total de 1.965.559,90 euros:
- Colector xeral do campo de fútbol – Burgo en Palmés, cun orzamento de execución de 640.862,44 € máis IVE
- Instalación de colector e bombeo de saneamento en Cabeanca (zona do antigo colexio): 278.568,29 € máis IVE
- Rehabilitación do colector Seixalbo-Barbaña (marxe dereita, no tramo rúa da Presa-Peugeot / Paco Paz): 223.125,00 € máis IVE
- Renovación do colector Camiño Real – Cudeiro – Igrexa/estrada de Santiago: 178.500,00 € máis IVE
- Cambio de colector e conexión con tanque de tormentas na rúa Verea Vella – Coto Canedo: 161.562,73 € máis IVE
- Colector na rúa da Conchada para tres vivendas illadas, en Palmés: 150.165,48 € máis IVE
- Novo colector Quintela – Vilanova – FFCC – Glorieta de circunvalación: 146.965,00 € máis IVE
- Anulación de foxa séptica, novo colector e bombeo de augas residuais na rúa Os Esteos: 100.965,51 € máis IVE
- Conexión á rede de vivendas sen saneamento en Canivelos – San Tomé – Borraxeira 84.845,45 € máis IVE
A execución destas obras xorde da obriga de Viaqua de compensar o Concello pola cota de amortización dos investimentos previstos e xa executados nesta concesión, cuxa vixencia inicial xa rematou.
A Xunta de Goberno aprobou tamén recoñecer unha obriga a favor da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil por importe de 20.630,50 €, relativa ao financiamento das obras de mellora do saneamento de Velle; e autorizar o inicio do procedemento para a modificación do contrato de redacción do proxecto, execución das obras e dirección facultativa para a construción e urbanización do Parque Coto de Canedo, e continuar provisionalmente as obras.
Licenzas (1). Conceder a licenza urbanística para o proxecto de adaptación dun local para vivenda na rúa Serra de Queixa.
Aperturas (1). Conceder o título habilitante de natureza urbanística para o proxecto de adaptación dun local comercial a centro deportivo na rúa Curros Enríquez.
Planeamento urbanístico (1). Desestimar a solicitude de modificación da clasificación urbanística dunha parcela en Velle.
Patrimonio (4). Desestimar tres reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por particulares e inadmitir outra.
Contratación (2). Adxudicarlle a Logística Ecológica Ourense SL, a concesión para a explotación da cafetería de titularidade municipal do Xardín Xaponés. Pagará un canon anual de 55.916,52 euros, IVE engadido, durante 5 anos. Tamén se acordou rectificar un erro material nun acordo dunha Xunta de Goberno anterior.
Administración Xeral (1) Recoñecer unha obriga a favor da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense en concepto de cota anual do exercicio 2025.
Asuntos sociais (1). Ampliar a dotación económica destinada ás subvencións para comedores escolares correspondentes ao curso 2025/2026.
Educación (2). Rectificación dun erro interpretativo nun acordo dunha Xunta de Goberno anterior e modificación dos nomeamentos de representantes do Concello nos Consellos Escolares.
Persoal e recursos humanos (2). Dous expedientes:
· Aprobar o regulamento de control horario e presencia dos empregados/as do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes.
· Retribucións do persoal ao servizo da Corporación. En cumprimento do disposto na Orde PJC/681/2025, de 1 de xullo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros de 1 de xullo, incrementar nunha porcentaxe adicional do 0,5% as retribucións do persoal ao servizo da corporación con respecto as vixentes a 31 de decembro de 2023 e con efectos desde o 1 de xaneiro de 2024.