— Participan 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos nos territorios vitivinícolas
— Están programadas máis de 60 actividades como catas a cegas ou con observación astronómica, paseos en barco ou visitas ao patrimonio cultural, entre outras
— Amplíase o itinerario do Bus do Viño, ao incorporar a cidade de Ferrol entre as saídas
O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, presentou hoxe a nova edición da Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Este ano participarán máis de 100 establecementos: 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos e celebraranse máis de 60 actividades diferentes en maio e xuño.
Antonio Casas salientou a “gran traxectoria” desta iniciativa que cumpre esta edición 13 anos “converténdose nunha das experiencias de Turismo de Galicia que mellor funcionan fóra de temporada alta”. Neste sentido, agradeceu ás Asoaciacións das Rutas dos Viños de Galicia pola súa colaboración e referiuse a algunha das novidades desta edición.
En concreto, como explicou, o número de establecementos supera os 100 e amplíanse as saídas do Bus do Viño, que este ano incorpora Ferrol entre as cidades de saída que conectarán cos territorios vitivinícolas. Xunto a Ferrol, tamén sairán desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e mesmo Ponferrada. “Será, un ano máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra e tamén para que os propios galegos poidamos descubrir, en parella, en familia ou con amigos, paisaxes e comarcas que aínda non coñecemos”, engadiu o xerente de Turismo de Galicia.
Tamén recordou que esta iniciativa se enmarca na aposta clara da Xunta de Galicia por promover a enogastronomía a través de distintas iniciativas, como o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado por Turismo de Galicia con fondos Next Generation.
Como explicou Antonio Casas, ao seu abeiro se están a desenvolver 13 estratexias turísticas en destino en 80 concellos e hai en marcha distintos incentivos ao sector como as axudas para o embelecemento de adegas e establecementos turísticos asociados á enogatronomía por 5,5M€ ou os 2,5M€ destinados á creación de novos establecementos turísticos que funcionen de proxectos tractores a longo prazo da man da enogastronomía.
Cinco fins de semana
Primavera de portas abertas nas rutas dos viños comezará o 3 de maio na Denominación de Orixe de Valdeorras. Desde ese día e durante cinco fins de semana de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.
Nas rutas tamén participan restaurantes onde se poderán escoller menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños da Denominación de Orixe que corresponda. En cada ruta poderase encontrar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana. Organízanse máis de 60 entre showcookings, rutas en bicicleta eléctrica, música en directo e paseos en barco polo Miño, catas a cegas ou con observación astronómica, picnics entre viñedos, roteiros de sendeirismo, entre outras.
Os interesados en participar atoparán toda a información na guía promocional dispoñible na web de Turismo de Galicia.