HomeOurenseMáis de trescentos xadrecistas participarán este sábado na Copa Galicia Maristas Ourense...

Máis de trescentos xadrecistas participarán este sábado na Copa Galicia Maristas Ourense – Memorial Emilio Rodríguez

- Anuncio -spot_img

O salón de plenos acolleu a presentación do torneo, o máis grande de Galicia, que organizan os clubs Maristas e Xadrez Ourense coa colaboración do Concello, a Deputación e a Xunta

Máis de trescentos xadrecistas de todas as idades procedentes de Galicia e Portugal participarán pasado mañá, sábado, 7 de xuño, na edición número 18 da Copa Galicia de Xadrez –Maristas Ourense– terceiro Memorial Emilio Rodríguez, que se desenvolverá no polideportivo do Colexio Maristas, desde as 16.00 até as 20.15 horas.

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación desta nova edición do torneo de xadrez máis grande de Galicia, que chega á súa maioría de idade, e está adicado a Emilio Rodríguez, quen fora profesor do colexio, durante moitos anos moi implicado na organización do evento. O acto contou coa participación do concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira e a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández, xunto con representantes da organización: Elías González, de Xadrez Ourense, Luis Ángel Arias, do colexio Maristas, Martín Gómez, xuíz principal, e representantes das institucións colaboradoras: Jorge Pumar, da Deputación de Ourense, e Manuel Pérez, da Xunta de Galicia.

Elías González explicou que o torneo reunirá xadrecistas “de todas as idades, desde 5 a máis de 70 anos, a maioría en idade escolar, con 43 escolas representadas”. A participación está repartida en 5 categorías: sub8, sub10, sub12, sub16/14 e Sénior / Xuvenil. Entre os e as xadrecistas que competirán no torneo hai deportistas de Ourense recentemente laureados en diferentes torneos como Antía Reboredo Barrosa, campioa galega individual infantil sub14, Pura Diéguez Nóvoa, campioa galega sub18 ou Artai Lamela, subcampión galego sub8, xunto con xadrecistas procedentes de toda Galicia e Portugal, como é o caso de Pedro Gil Ferreira, campión individual do seu país na categoría sub20.

O torneo, será unha “gran festa” do xadrez, unha “disciplina intelectual boísima para todas as idades e barata”, subliñou o representante da organización, que animou o público ourensán a achegarse ao polideportivo e desfrutar con esta competición.

Publicacións Relacionadas