O presidente do goberno provincial, acompañado polo alcalde, José Luis Gavilanes, comprobou como o investimento da Deputación na vivenda comunitaria “activa a economía local e ofrece un servizo máis á veciñanza”
Tras escoitar as peticións para ampliar as actividades extraescolares e unha zona de xogos xunto ao colexio público, Manuel Baltar destacou o “positivo feito diferenciador” que supón a matrícula de 115 escolares nun concello que ten un censo de 1.600 habitantes
O rexedor afirma que na procura das mellores infraestruturas e servizos para a veciñanza “sempre encontramos un trato e unha disposición exquisita por parte da Deputación e do seu presidente”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o concello de Xunqueira de Ambía onde, acompañado polo alcalde, José Luis Gavilanes, puido comprobar infraestruturas e servizos que son o resultado da “firme aposta da Deputación pola colaboración cos gobernos locais”, asegurou o presidente.
Manuel Baltar e José Luis Gavilanes, acompañados por membros do equipo municipal de goberno, visitaron a vivenda comunitaria construída no antigo cuartel da Garda Civil, un edificio nobre comprado polo concello hai anos e totalmente rehabilitado grazas á colaboración da Deputación de Ourense. Un centro que presta atención a doce maiores e facilitou a creación de seis postos de traballo, “activando a economía local e ofrecendo un servizo máis á veciñanza”, sinala o presidente do goberno provincial.
Manuel Baltar visitou tamén o colexio público “Padre Crespo” de Xunqueira de Ambía, destacando o “positivo feito diferenciador” que supón a matrícula de 115 escolares nun concello que ten un censo de 1.600 habitantes. Nun centro de ensino que destaca polas numerosas actividades extraescolares que organiza, Manuel Baltar comprometeuse a estudar a petición dunha achega para construír un rocódromo pensado para os rapaces.
O alcalde tamén solicitou maquinaria provincial para acondicionar unha finca anexa ao recinto escolar, cedida por unha veciña, que permitirá ampliar a zona de xogos dos nenos, ademais de formular outra petición de colaboración para a mellora dun parque infantil.
Conexión co polígono de San Cibrao e novo cemiterio en Abeleda
Manuel Baltar e José Luis Gavilanes repasaron outras actuacións nas que coopera a Deputación, como a mellora do trazado da estrada que vai desde Xunqueira de Ambía ata o polígono de San Cibrao, proxecto que xa está listo para licitar na súa primeira fase. Tamén abordaron a construción do cemiterio de Abeleda, que en dúas fases posibilitará facer preto de 200 sepulturas, así como o empedrado dun tramo de 200 metros da travesía de titularidade provincial entre as prazas do Campo e do Concello.
“A obriga dun goberno local e procurar as mellores infraestruturas e servizos para a súa veciñanza”, apunta José Luis Gavilanes, “e nese obxectivo sempre encontramos un trato e unha disposición exquisita por parte da Deputación e do seu presidente”.