· Destaca a súa experiencia a nivel orgánico e de xestión e sitúao como unha persoa clave na nova etapa do partido: “Poñerá todo o esforzo persoal e enerxía necesarios para avanzar na construción do proxecto político ilusionante que merecemos os ourensáns”
· O candidato fará público o resto dos integrantes da súa candidatura para a nova xunta local do PP de Ourense durante o congreso extraordinario do sábado, día 23 de xullo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel
Manuel Cabezas propuxo a Jorge Pumar como secretario xeral da xunta local do PP da cidade de Ourense, dentro da composición da nova dirección deseñada polo candidato e que fará pública este sábado, 23 de xullo, para a súa ratificación no congreso local extraordinario do PP de Ourense. Un conclave ao que Cabezas se presenta designado polo Comité Organizador como o único candidato a presidir o partido na cidade.
Manuel Cabezas destaca a experiencia de Pumar, “tanto a nivel orgánico como de xestión municipal”, situándoo como unha persoa clave na etapa que se abrirá este sábado se así o decide a militancia popular: “É unha persoa que comezou en Novas Xeracións, que coñece perfectamente o partido e con experiencia suficiente para asumir este papel”.
O candidato á presidencia do PP da cidade explica, ademais, que a presenza de Jorge Pumar no grupo municipal popular do Concello de Ourense achega máis argumentos para a súa designación como o novo secretario xeral do partido na capital. “O seu traballo desenvolvido nos últimos anos no Concello a través das súas competencias de goberno, e o despregado nos últimos meses dentro da xestora do partido, sitúan e consolidan a Pumar como unha figura fundamental para o PP de Ourense e para a cidade”.
Manuel Cabezas tamén valora a súa capacidade de traballo e dedicación: “Jorge Pumar poñerá todo o esforzo persoal e enerxía necesaria para avanzar na construción do proxecto político ilusionante que merecemos os ourensáns”.
CONGRESO LOCAL EXTRAORDINARIO.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle este sábado o congreso local extraordinario, no que Manuel Cabezas presentará á militancia a súa candidatura para coller as rendas dun partido co que logrou tres maiorías absolutas consecutivas, cun pico de apoio de máis do 47%.
Manuel Cabezas mantivo nestes últimos días encontros con afiliados dos nove distritos da cidade. Reunións nas que explicou o porqué da súa decisión de postularse para presidir a xunta local do PP de Ourense: “Dou este paso apoiado pola militancia, os presidentes de distrito, os simpatizantes e por tantos veciños que me piden pola rúa que recuperemos a liña de xestión que desenvolvemos en Ourense entre 1995 e 2007, adaptándoa ás novas realidades e desafíos que debemos afrontar no futuro”.