HomeOurenseOurense Nadal e familias en situación de pobreza

 Nadal e familias en situación de pobreza

- Anuncio -spot_img

Desde Podemos Ourense queremos expresar a nosa fonda tristura e indignación porque, unha vez máis, chega o Nadal e en Ourense centos de familias afrontan estas datas sen os recursos mínimos para vivir con dignidade.

Falamos de fogares que non saben se poderán poñer un prato quente na mesa, de nais e pais que viven coa angustia de non poder garantir o básico aos seus fillos e fillas, de persoas que temen non poder pagar un alugueiro abusivo ou que xa foron expulsadas do dereito máis elemental: ter un teito baixo o que vivir. Esta non é unha situación puntual nin inevitable, é a consecuencia directa de políticas capitalistas inxustas que converten a vivenda nun negocio e non nun dereito.

O drama social que vivimos en Ourense ten nomes e ten rostros, aínda que moitas veces se pretendan invisibilizar. Hai poucos días coñecemos a terrible noticia dunha persoa atopada morta nun edificio abandonado da zona do Ponte. Unha morte que nos doe profundamente e que nos interpela como sociedade. Non foi unha fatalidade: foi o resultado do abandono institucional, da falta de políticas públicas valentes e dunha administración que mira para outro lado mentres a xente morre de pobreza e soidade.

Non podemos aceptar que en pleno século XXI, e nunha cidade como Ourense, haxa persoas durmindo en edificios abandonados, familias enteiras vivindo coa ameaza constante do desafiuzamento ou nenos e nenas que pasan fame. Non podemos normalizar que o mercado mande sobre a vida das persoas.

Desde Podemos Ourense reclamamos políticas reais de vivenda pública, alugueiros accesibles, protección social efectiva e recursos suficientes para garantir que ninguén quede atrás. Reclamamos que se poña a vida no centro e que se deixen de protexer os intereses duns poucos a costa do sufrimento da maioría.

Este Nadal, máis ca nunca, é momento de lembrar que a dignidade non é un luxo. É un dereito. E seguiremos loitando para que en Ourense ninguén teña que escoller entre comer ou pagar un alugueiro, para que ninguén volva morrer esquecido nun edificio abandonado, para que todas as familias poidan vivir, tamén no Nadal, con dignidade, xustiza social e esperanza.

Publicacións Relacionadas