• O presidente da agrupación local, Manuel Novoa, destaca a “gran implicación da xente nova” e afirma que “continuaremos traballando para cambiar os nosos barrios e ser o altofalante da mocidade”
• O candidato á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, achegouse ata a mesa instalada pola organización xuvenil do PP, felicitando ao equipo por “saír ás rúas e achegarse á xente para escoitala, que é a única forma de facer cidade entre todos e poder acertar nas decisións”
• Nun primeiro estudo das demandas recollidas, a ocidade ourensá pide máis seguridade polas noites ante o aumento de incidentes nas fins de semana. A cidadanía en xeral reclama o acondicionamento da zona termal da cidade e a reestruturación das liñas de autobús urbano
A agrupación local de Novas Xeracións do Partido Popular na cidade de Ourense rematou esta tarde nos xardíns do Padre Feijoo a campaña “Que Ourense Queres?”, que tiña como obxectivo coñecer e recompilar as inquedanzas e ideas da cidadanía en xeral e, nomeadamente, da mocidade ourensá. Con esta iniciativa, a organización xuvenil do PP conseguiu recoller máis de 1.500 propostas nas mesas habilitadas nos distintos barrios da capital e que xa están a ser analizadas polos membros da organización.
A campaña, que se desenvolveu en cinco xornadas nos barrios de San Francisco, Mariñamansa, A Ponte, O Couto e agora a zona centro da capital, baseouse nunha sinxela pregunta, que da nome a esta iniciativa, e cuxas respostas foron escritas nun post-it que, á súa vez, era colocado nun mural.
Nun primeiro estudo das demandas recollidas destacan, como as solicitudes máis repetidas, o acondicionamento da zona termal da cidade e a reestruturación das liñas do servizo de autobús urbano, para que se adapten ás necesidades da poboación con independencia do barrio no que residan. A mocidade, pola súa banda, reclamou maioritariamente o aumento da seguridade nocturna, en especial no casco histórico onde son habituais os incidentes cada fin de semana.
Ante a receptividade da veciñanza a esta campaña e para seguir coñecendo as súas inquedanzas, Novas Xeracións creou nas súas redes sociais un cuestionario en liña onde, dun xeito totalmente anónimo, terán a posibilidade de contribuír con máis suxestións.
O presidente da agrupación local, Manuel Novoa, valorou os resultados conseguidos moi favorablemente, destacando a “gran implicación da xente nova na campaña”. Do mesmo xeito mostrouse satisfeito coa “utilidade da iniciativa, polo que continuaremos traballando para cambiar os nosos barrios e ser o altofalante da mocidade”. En nome do equipo da organización xuvenil, Novoa agradeceu “a participación de cantas persoas se achegaron a nós”, afirmando que “non descansaremos ata que Ourense volva a ser posta en valor e se recupere o orgullo de cidade”.
MANUEL CABEZAS: “A ÚNICA FORMA DE FACER CIDADE ENTRE TODOS ES ECOITAR Á XENTE PARA ACERTAR NAS DECISIÓNS QUE SE TOMEN”.
Os membros de Novas Xeracións recibiron na mesa instalada nos xardíns do Padre Feijoo a visita do presidente da xunta local do PP e candidato á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, que felicitou ao equipo da agrupación local “polo excelente traballo realizado, saíndo ás rúas e achegándose á mocidade, xa que a única forma de facer cidade entre todos é escoitar á xente para poder acertar nas decisións que se tomen”.
O candidato popular afirmou que “da análise desas ideas e suxestións recollidas nestes días seguro que sairán propostas para a xente moza que poderemos incorporar ao noso proxecto de cidade”.



