HomeOurenseNovo derrubamento no Hospital de Ourense: a deixadez da Xunta pon en...

Novo derrubamento no Hospital de Ourense: a deixadez da Xunta pon en risco a pacientes e persoal sanitario

- Anuncio -spot_img

Desde Podemos Ourense denunciamos publicamente que no día de hoxe volveu desprenderse parte do falso teito na zona xeral do Hospital de Ourense, un feito extremadamente grave que volve poñer en evidencia a deixadez, a irresponsabilidade e o abandono absoluto da sanidade pública ourensá por parte do presidente Alfonso Rueda e da Xunta de Galicia.

Este suceso non é un feito illado nin casual. Non é a primeira vez que cae un falso teito no complexo hospitalario, xa que no Hospital Materno-Infantil producíronse derrubamentos similares con anterioridade. A repetición destes incidentes demostra que estamos ante un problema serio, coñecido e ignorado deliberadamente pola Xunta.

Para Francisco Diéguez, portavoz de Podemos Ourense, a situación é intolerable:
“Estamos falando dun hospital no que caen os teitos mentres a Xunta mira para outro lado. Isto non é mala sorte nin un accidente: é o resultado directo da deixadez política de Alfonso Rueda. Están xogando coa seguridade de pacientes, crianzas e profesionais sanitarios.”

O que está a ocorrer no Hospital de Ourense é unha vergoña institucional. Pacientes, acompañantes e traballadores acoden cada día a unhas instalacións que non cumpren nin os mínimos esixibles de seguridade, mentres o Goberno galego continúa negando a realidade e maquillando a situación con mensaxes triunfalistas.
“Se isto estivese a pasar nun hospital dunha gran cidade, a reacción sería inmediata. Pero como é Ourense, pretenden normalizar que se caian os teitos. Non o imos permitir”, engade Diéguez.
Desde Podemos Ourense esiximos:

  • Explicacións inmediatas e públicas por parte da Xunta de Galicia.
  • Información veraz sobre o estado real das instalacións do CHUO.
  • Medidas urxentes e visibles para garantir a seguridade das persoas.
  • E asunción de responsabilidades políticas, porque isto non pode quedar impune.
    “Cando cae un teito nun hospital, cae tamén a mentira da boa xestión do PP. Non agardaremos a que haxa vítimas para actuar”, conclúe o portavoz.
    A seguridade non é negociable. A sanidade pública non se abandona. Ourense non se despreza.

Publicacións Relacionadas