HomeOurenseO alcalde confirma que Ourense non participará en Fitur porque “é irrelevante”,...

O alcalde confirma que Ourense non participará en Fitur porque “é irrelevante”, e lembra que a cidade xa rexistra cifras récord  de turismo con outras vías de promoción

- Anuncio -spot_img

 “Os vídeos das termas chegaron a millóns de persoas; deron a coñecer Ourense mil veces máis que Fitur”, asegura Gonzalo Jácome

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou esta mañá que o Concello non participará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se desenvolverá esta semana en Madrid. O rexedor cualificou a cita como “unha trampa” e “un dispendio de recursos humanos e económicos”. “É irrelevante, xa que non ten ningunha incidencia, a favor ou en contra, para o turismo”, asegurou.

O alcalde argumentou que nos últimos anos o turismo en Ourense está a acadar máximos históricos sen necesidade de asistir á feira. “Será o quinto ano consecutivo que non acudimos e neste tempo, as visitas disparáronse tanto en número de viaxeiros como en pernoctas, especialmente coa incorporación de máis de 600 pisos turísticos”, explicou. Ademais, para o rexedor, Fitur é un evento “endogámico”: “O que se lle propón ás cidades é ir ao pavillón de Galicia para facer unha presentación de media hora á que só asisten veciños de Ourense ou coñecidos; non vai o gran público, así que non ten sentido facela”. Ademais, engadiu o rexedor, “chámanos a atención como a Xunta de Galicia nos discrimina”, e lembrou que “o último ano que fomos a Fitur, cando chegou o AVE a Ourense, o lema da caseta autonómica era ‘Ven a Santiago’. Foi unha broma”.

O goberno municipal aposta por outras maneiras de promocionar a cidade e desenvolver o seu potencial turístico” Entendemos que aos cidadáns se lles chega doutra forma. Por exemplo, os vídeos que fixemos das termas con Noa Rouco ou Omar Montes, chegaron a millóns de persoas. Deron a coñecer o nome de Ourense se cadra mil veces máis que Fitur”, subliñou. Finalmente, destacou o peso de eventos como o Entroido, “que cada ano vai a máis” e a importancia do “boca a boca” para que a cidade siga gañando posicións como destino turístico.

Publicacións Relacionadas