Se a modificación de 25 millóns non sae adiante, convocará un pleno o día 21 de outubro para sacala adiante vinculada a unha cuestión de confianza
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convida os grupos municipais de PP, PSdeG-PSOE e BNG a que apoien as dúas modificacións de crédito que o goberno municipal presentará para a aprobación inicial no pleno deste xoves. O rexedor subliña que ambas as propostas inclúen proxectos de especial relevancia para a cidade, así como o financiamento necesario para executar os fondos FEDER recentemente obtidos polo Concello dentro do Plan EDIL do Goberno central.
“Esperamos que as dúas modificacións de crédito sexan aprobadas co voto favorable ou coa abstención dos demais partidos. Non hai motivo para votar en contra”, sinala Jácome.
En particular, refírese á modificación orzamentaria 6P/2025, que mobiliza 25,7 millóns de euros destinados principalmente a investimentos en obras e melloras urbanas. “Todos están a favor das obras que se queren realizar. Falaremos cos demais grupos nas próximas horas e días e esperamos que voten a favor ou se absteñan”, avanzou. Entre outras actuacións, esta modificación permitirá dotar crédito para proxectos financiados con fondos europeos. Neste senso, o Concello vén de acadar unha subvención millonaria de Fondos FEDER do Plan EDIL convocado polo Goberno central. O desenvolvemento do proxecto deseñado polo Concello permitirá mobilizar 19,9 millóns de euros en proxectos de infraestruturas, mobilidade e medio ambiente en Ourense
Cuestión de confianza
O alcalde advirte que se esta modificación non é aprobada o xoves, convocará un pleno extraordinario o 21 de outubro, no que someterá a proposta a unha cuestión de confianza, unha ferramenta legal que o goberno pode empregar unha vez por ano —agás no último do mandato— para desbloquear iniciativas clave.
O alcalde tamén respondeu ás críticas doutros grupos pola agrupación de partidas orzamentarias nos expedientes de modificación de crédito, lembrando que “é unha práctica habitual en todas as administracións, desde a Deputación de Ourense, ata os gobernos do PP e do PSOE noutras institucións”.
As dúas modificacións orzamentarias que se levan a pleno este xoves son:
Modificación 6P/2025:que destina 25.732.660,98 euros, a partidas de obras en rúas e parques, reposición de colectores, redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal e do Plan Especial do Centro Histórico, convenio de abastecemento de auga e xuros de mora.
Modificación 5P/2025:que destina 2.965.279,15 euros para proxectos de diferentes áreas municipais (Artes e Festexos, Servizos Sociais, asociacións veciñais, reparación de edificios…)
Ambas as modificacións, financiadas con remanente de tesourería, presentaranse para a aprobación inicial no pleno do xoves. En caso de ser aprobadas, exporanse ao público durante 15 días hábiles antes da súa aprobación definitiva.