O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou este mediodía de “declaración de guerra” a decisión da Xunta de Galicia de apoiar a candidatura da Coruña, en detrimento de Ourense, como sede da futura Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial. “A Xunta de Galicia rompeu as hostilidades coa cidade de Ourense. É realmente unha declaración de guerra administrativa con toda a súa forza entre a cidade de Ourense e a Xunta”, manifestou Pérez Jácome, quen subliñou que “o que nos fixeron hoxe, discriminando a Ourense coa futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial é un dos actos máis icónicos e con máis significado que demostran que Ourense é a Cenicienta de Galicia e a Xunta está disposta a que o siga sendo”.
Advirte Pérez Jácome que “a Xunta fixo como Poncio Pilatos”, xa que “ lavou as mans e non tivo o valor de dicir que foi unha decisión política e enmascarouno como se fose unha decisión técnica do Nodo de Intelixencia Artificial”.
O alcalde aprecia unha “discriminación absoluta” á cidade de Ourense e lembra que a filosofía da convocatoria se orientaba cara a cidades “deprimidas economicamente e con despoboamento”, como é o caso de Ourense que, explica, “por desgracia ten todos os puntos” que se demandaban. Porén, a Xunta “decide que debe competir unha das cidades máis beneficiadas da comunidade autónoma, A Coruña, que xa é moi forte en investimentos da Xunta e estatais. Vanlle dar máis e vanlle quitar a Ourense”, conclúe Jácome: “condénannos”
O alcalde lembra que cando iniciou a súa actividade política en 2001 “foi pola discriminación de Ourense, e agora estamos en 2022 e cobra máis forza que nunca: ou loitamos ou como pobo estamos condenados a morrer.



